O Concello de Vilagarcía e o Porto selan un acordo histórico para liberalizar a fachada marítima
Por Oskar Viéitez
O peirao do Ramal e as zonas anexas converteranse nunha gran zona de esparexemento para o desfrute público dos cidadáns grazas ao acordo acadado polo Concello de Vilagarcía e a Autoridade Portuaria e que fixeron público este venres o alcalde, Alberto Varela, e o presidente da rada, José Manuel Cores Tourís.
Despois de que o pasado 30 de xullo se anunciase o acordo entre estas dúas administracións e a Consellería de Sanidade para construír o novo centro de saúde no solar da Comandancia, o rexedor congratulouse de poder cumprir tamén coa segunda reivindicación histórica dos vilagarciáns: abrir a cidade ao mar e recuperar para o uso público o peirao do Ramal, unha parte estratéxica da fachada marítima da nosa cidade.
A consecución destes dous acordos, que o rexedor cualificou como “históricos e transcendentais para Vilagarcía”, chega despois de seis meses de intensas negociacións nas que, tanto o Concello como o Porto, tiveron que ceder respecto as súas posicións iniciais. Segundo explicou o alcalde, “sempre atendendo ao interese xeral, atopamos un punto de encontro no que todos saímos gañando, especialmente Vilagarcía e os vilagarciáns”.
Cores Tourís afondou nesta idea ao expoñer que o que é bo para o Porto de Vilagarcía é bo para o Concello e viceversa e, polo tanto, tamén para Vilagarcía e para a comarca na que se asentan moitas das empresas que traballan directa ou indirectamente coa rada.
O acordo relativo aos terreos portuarios do Ramal consiste en que o Concello adquire por importe de 1.886.120 euros os 6.830 metros cadrados de superficie que ten a parcela enmarcada entre o inicio do peirao e a rotonda da Avenida Rosalía de Castro.
Trátase dos terreos ocupados actualmente polo párking e a zona anexa nos que o Porto pretendía construír un hotel. A compra destes terreos por parte do Concello, impedirá levantar novos obstáculos fronte ao mar e permitirá unir mediante un corredor verde o Parque Miguel Hernández coa praia da Concha.
O pago desta adquisición realizarase este mesmo ano grazas ao superávit que o Concello obtivo nas contas de 2020, para o cal se realizará o preceptivo cambio de finalidade dos fondos a través do acordo plenario que se adoptará na sesión prevista para finais deste mesmo mes de setembro. Debido aos trámites que teñen que cumprir ámbalas dúas administracións, a previsión que se manexa é que a compra estea materializada antes de fin de ano.
Pero o acordo vai moito máis alá da compra desa parcela, posto que o Concello consegue tamén un dos máis ansiados obxectivos para a cidade: liberalizar o peirao do Ramal, onde se creará unha gran zona de esparexemento para o desfrute da cidadanía.
Ademais, o Concello logra que a Autoridade Portuaria lle ceda o uso de 11.500 metros cadrados de superficie do peirao, xa que a restante será utilizada polo Porto para construír a estación marítima e o centro de recepción de pasaxeiros de cruceiros turísticos, un proxecto que tamén repercutirá de forma positiva no sector turístico e na economía local da cidade.
Ao compartir o uso do peirao, Concello e Porto coordinarán e consensuarán a forma que se lle dará á gran zona de esparexemento na que se converterá o peirao do Ramal, de xeito que ofreza unha imaxe atractiva e harmoniosa, acorde co entorno privilexiado no que se atopa, e que serva de carta de presentación da cidade.
En relación ao primeiro acordo, o relativo á compra do solar de case 5.000 metros cadrados da antiga Comandancia para que Sanidade constrúa nel o novo centro de saúde, Varela explicou que os 1.157.406 euros a pagar polo Concello non terán que ser aboados ata o momento en que se complete a desafectación dos terreos por parte da Autoridade Portuaria, un trámite que, ao requirir informes de varios departamentos do Estado, non se completará de forma inminente.
Así a todo, o rexedor apuntou que se farán xestións ante os organismos competentes para tratar de axilizar ao máximo os trámites co obxectivo de que os vilagarciáns poidan dispoñer canto antes do novo e necesario centro de saúde que a Consellería tamén se comprometeu a construír na parcela.
Relacionadas:
-
Vilagarcía aproba o proxecto de demolición da Comandancia co obxecto de adiantar a licitación da obra
Por Redacción |
-
Dúas naves serán derrubadas para reconstruír a fachada marítima de Vilagarcía
Por Redacción |
-
Sanidade e o Concello de Vilagarcía asinan o convenio que permitirá construír o novo centro de saúde
Por Redacción |
-
O porto de Vilagarcía pecha xullo cun aumento do tráfico de mercadorías xerais do 40% con respecto a 2020
Por Redacción |
-
Unha comisión técnica analizará o futuro da antiga Comandancia de Mariña de Vilagarcía
Por Redacción |