Desde o inicio da pandemia 20.863 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19
Por Oskar Viéitez
O Servizo Galego de Saúde notifica este sábado 249 pacientes con infección activa de covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Son 14 novos casos confirmados por probas diagnósticas de infección activa nas últimas 24 horas.
O número de pacientes hospitalizados é de 3 persoas atendidas no Hospital Montecelo. Outros cinco están ingresados en estado crítico na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) de Montecelo.
O resto dos que contraeron o virus, 241 casos, atópanse illados nos seus domicilios con sintomatoloxía breve ou asintomáticos.
Desde o inicio da pandemia 20.863 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19. Nas últimas 24 horas curáronse 29 persoas.
Durante a pandemia rexistráronse 202 falecementos asociados ao virus nesta área sanitaria.
En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 299.247, nas últimas 24 horas fixéronse 455.
A estas probas súmanse as 133.657 probas de antígenos e outras 107.515 probas de detección realizadas ata a data.
GALICIA
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.041 deles 1.073 son da área da Coruña, 809 da de Lugo, 441 da de Ourense, 249 da de Pontevedra, 602 da área de Vigo, 682 da de Santiago e 185 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 43 están en UCI, 103 en unidades de hospitalización e 3.895 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 174.296 persoas curadas, rexistrándose 2.602 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 2.785.702.
O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 4.218.567.