FormaEmprende 2021 axudará a relanzar os negocios locais cun foro formativo virtual gratuíto
Por Redacción
Un grupo de profesionais relacionados co márketing dixital, o neuromárketing e intelixencia comercial, a intelixencia emocional, as finanzas, a asesoría de empresas e a formación, protagonizarán entre o 13 e o 30 de setembro un foro formativo, a través da plataforma Zoom, para o relanzamento dos negocios locais.
Baixo o nome de FormaEmprende 2021 (antigamente Foro PontEmprende), a Concellería de Promoción Económica e Turismo en colaboración coa firma Docensa Formación, impulsarán este espazo, que estará dirixido especialmente a emprendedores e futuros emprendedores coa finalidade de achegar pílulas inspiradoras que axuden a mellorar resultados e competencias de autónomos e pemes no mercado actual.
Segundo avanzou a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, as charlas desenvolveranse entre o 13 e o 30 de setembro, de luns a xoves, en horario de 15:30 a 16:30 horas. Nelas, "os relatores abordarán temas de moita actualidade para emprendedores e comerciantes, co obxectivo de axudar a facer os seus negocios máis competitivos e viables".
Tal e como explicou o seu organizador, José Luis Bouzas, de Docensa Formación, "trátase dun espazo de encontro virtual entre emprendedores e expertos formadores e profesionais experimentados en diversas áreas do emprendemento, que busca ofrecer unha base firme para entender a dimensión dos cambios que se teñen producido e potenciar unha actitude de reacción inmediata para favorecer ao comercio local e ás pequenas empresas do noso contorno".
A xornada inaugural será o luns 13 de setembro con Javier Rivas e 'Os erros máis comúns do emprendedor'. O día seguinte, o martes 14, chegará o turno de Pablo García Fortes con 'Por que os meus clientes non me entenden' o mércores 15, Baltasar Dutor falará da 'Educación e planificación financeira' e, o xoves, Ester Vega explicará os 'Factores de éxito que todo emprendedor debe coñecer'.
A seguinte semana comezará con Guille Bouzas e os 'Principios fundamentais do márketing dixital'; Alberto Falcón, o martes 21, sacará partido ao Whatsapp con 'WhatsApp Marketing como ferramenta de venda' o mércores 22, Dani Dieguez ensinará a 'Crear imaxes e vídeos sinxelos para RRSS' e, Antonio Comesaña, pechará a semana con 'Casos de uso de tecnoloxía Blockchain aplicados a negocios'.
Por último, o luns 27 de setembro Pepe Cabello aportará 'Vitaminas para o teu negocio' mentres que Manuel Conde explicará, o martes 28, 'Como transformarte desde a adversidade'. Raquel Arbizu falará o mércores 29 sobre 'A comunicación como ferramenta estratéxica' e o broche de ouro o porán Roberto P. Marijuán e Juanjo Romero coas 'Visual sales. As vendas como nunca chas contaran'.
As xornadas son de carácter gratuito pero con previa inscrición a través da páxina web www.formaemprende.com.