Os veciños de Barcia de Seixo inauguran a rehabilitación dos hórreos da Eira dos Vidás
Por Redacción
Os veciños de Barcia de Seixo, convidados pola Asociación veciñal Fonte dos Chaos, participaron na inauguración oficial da rehabilitación dos hórreos da Eira dos Vidás, levada a cabo por este colectivo veciñal coa colaboración do Concello da Lama.
O presidente da Asociación de Veciños Fonte dos Chaos e un dos principais promotores desta iniciativa, José María Cortizo Garrido, foi o encargado de expoñer ante o alcalde, Jorge Canda, o tenente de alcalde David Carrera e do concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, o enorme valor patrimonial que atesoura a Eira dos Vidás onde se atopan media ducia de hórreos de diferentes tipoloxías tradicionais galegas así como un cabazo, atopado semienterrado no fondo dunha finca e que foi trasladado ata este lugar e preside este conxunto etnográfico.
O público, que seguiu con atención as explicación do proceloso e complicado labor levado a cabo baixa a supervisión dun arquitecto, Patrimonio e coa participación dun experimentado canteiro tradicional e que deu como resultado a posta en valor dun entorno único e que conforma un espazo arquitectónico, xunto á igrexa e ao cemiterio, incomparable.
O alcalde, Jorge Canda, felicitou a Cortizo e aos propios veciños e comunidade de montes polo traballo realizado e salientou este lugar como un dos principais atractivos turísticos e etnográficos do municipio e comprometeuse a seguir apoiando e apostando por todo tipo de investimentos que "vaian orientados a conservar o noso rico patrimonio, único no seu xénero e que tanto nos enche de orgullo e nos motiva para conservar e poñer en valor".
No mesmo sentido se pronunciou o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, quen amosou grande interese polo cabazo que preside e forma parte desta Eira dos Vidás, recén reconstruído pola participación veciñal seguindo as vellas tradicións e os modelos construtivos da época.
Finalmente, o tenente de alcalde David Carrera, comentou cos veciños presentes, unha vez rematado o acto oficial, a boa disposición do Concello a seguir colaborando cos veciños naquelas cousas que se fan desde o cariño pola terra e polo mundo rural "dentro das nosas limitacións e na obriga de atender a máis de 90 núcleos habitados no noso municipio", concluíu Carrera.