As comunidades de montes afectadas polo parque eólico do Castrove non queren que se politice ese proxecto
Por Oskar Viéitez
As comunidades de montes de San Xoán de Poio, Campañó, Curro, San Tomé de Nogueira, San Vicente de Nogueira e San Salvador de Meis, pertencentes aos catro concellos afectados polo proxecto do parque eólico do Castrove, mantiveron esta semana unha xuntanza para tratar cuestións relacionadas con este proxecto promovido pola empresa Parque Eólico Cadaval y Ventoso S.L, e consensuar unha folla de ruta conxunta, nas medidas e xestións a realizar.
Entre outras cuestións analizadas trataron a falta de información existente sobre este proxecto, tendo en conta, que os terreos sobre os que se queren instalar os mesmos, son montes pertencentes a cada unha das comunidades presentes na xuntanza, polo que, "como lexítimos propietarios, as decisións a tomar ao respecto, serán abordadas en cada unha das súas asembleas".
Por elo, un dos acordos adoptados, foi a contratación dun "técnico competente" que realice un "estudo independente" no que analice o proxecto así como cada unha das peculiaridades e afeccións de cada comunidade, e utilizar este documento para que posteriormente cada Asemblea, poida tomar unha decisión sobre o asunto.
As entidades alí presentes, nun principio, estaban todos a favor da enerxía eólica, como fonte de enerxía renovable, si ben, outra cuestión diferente, é determinar si a ubicación nesta zona, é a máis axeitada. Por iso, reiterouse a necesidade de máis información para a toma de decisións.
Abordouse tamén o tema da Plataforma creada en contra deste parque eólico, "obviando algo tan fundamental, que se repite en moitas ocasións na nosa sociedade, con outras problemáticas, como é que os montes son de titularidade veciñal, o que significa que as decisións que se tomen sobre o mesmo, só compete a cada unha da comunidades propietarias, a través das súas Asembleas".
Tamén pediron "que non se politice este proxecto, xa que, os primeiros interesados en velar polas nosas Parroquias somos os veciños e veciñas que formamos parte de ela".
Ademáis se acordou, nos vindeiros días, manter unha reunión cun despacho de avogados e tratar distintos aspectos xurídicos deste proxecto, "así como con técnicos competentes na materia, e poder profundizar un pouco máis en cuestións, das que, neste momento, non temos coñecemento".
Por último, decidiuse solicitar unha entrevista co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, para que lles faga chegar a información existente sobre este proxecto.