O Campus abre á cidadanía obradoiros de videoxogos, ilustración, fotografía, redes sociais e vídeo 360º
Por Redacción
Con inscrición gratuíta ata cubrir as 15 prazas dispoñibles en cada un deles, desde esta semana permanece aberta, na plataforma Campus Activo, a inscrición nos obradoiros Aula Crea, unha das iniciativas xurdidas do convenio de colaboración impulsado pola Vicerreitoría do campus e a Concellería de Promoción Económica e Universidade.
Co "aspecto creativo como peza clave" estes talleres "están dirixidos tanto ao alumnado como a calquera persoa que teña interese por estas temáticas", salienta a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo.
Esta programación botará andar a vindeira semana con "Gañando o futuro", un obradoiro que afonda no videoxogo como medio de expresión e ferramenta educativa, coa idea de extraer unha serie de coñecementos de cara tanto á súa boa escolla e uso como ao deseño de propostas de aprendizaxes. Estruturado, ao igual que o resto de talleres en catro sesións, desenvolverase entre o 16 de setembro e o 7 de outubro na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e será impartido por responsables do Museo de Videoxogo de Galicia.
Tamén este mes arrancará na Facultade de Belas Artes "Ilustración en acción!", un obradoiro centrado no uso do debuxo, a pintura e o deseño para dotar dunha imaxe gráfica a proxectos e ideas, tanto de carácter académico ou persoal, como profesional ou comercial. Impartido polo ilustrador e graduado en Belas Artes Santiago Paredes, desenvolverase entre o 20 de setembro e o 11 de outubro.
Ofrecer un achegamento á fotografía creativa aplicada ao retrato e ao produto, coa idea de facer desta un recurso para proxectos tanto persoais como empresariais, é o obxectivo do taller que, entre o 18 de outubro e o 15 de novembro, terá lugar na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Impartido por Graciela Vilagudín e David Cons, do estudo fotográfico La Marela, este taller de fotografía creativa cubriu xa nestes primeiros días as súas 15 prazas.
Tamén coas súas prazas cubertas, CCSS e da Comunicación acollerá entre o 19 de outubro e o 9 de novembro o obradoiro Creación de contidos para redes sociais. Impartido por Natalia Maquieira, responsable do blog Pasoapaso, o taller tomará como punto de partida o ebook de Maquieira El poder de las redes para afondar na creación de vídeos, fotografías e outra serie de contidos para diferentes plataformas.
Por último, entre o 23 e o 26 de novembro terá lugar, na sede da Vicerreitoría, o taller de iniciación na creación de contidos 360º Inmersión virtual en Pontevedra, que impartirá o realizador Rubén Lázaro Silva. Desde un enfoque teórico e práctico, o taller buscará achegar ao alumnado coñecementos sobre as últimas técnicas de vídeo inmersivo, desde a súa gravación ata a súa difusión en gafas de realidade virtual ou redes sociais.