MeteoGalicia asegura que ata o mércores "haberá precipitacións tódolos días"
Por Redacción
A predición dos técnicos de MeteoGalicia para o comezo desta semana é ben clara "haberá precipitacións tódolos días".
Despois dunha fin de semana cunha calor bochornosa, debido a unha borrasca situada ao oeste da Península que impulsa aire cálido desde o sur, este luns empeza a inestabilidade en forma de intensas tormentas.
O luns o centro de baixas presións irase achegando a Galicia, polo que a inestabilidade atmosférica irá en aumento co avance do día. Así, comeza a xornada con ceos con nubes altas e a partir do mediodía comezaranse a formar nubes de evolución que deixarán chuvascos de carácter tormentoso.
As temperaturas mínimas ascenderán lixeiramente e as máximas descenderán. O vento soprará frouxo de compoñente sur.
Para o martes teremos aire frío nas capas altas da atmosfera, polo que será unha xornada de moita inestabilidade. Así, os ceos estarán parcialmente cubertos, con chuvascos tormentosos máis probables e intensos durante a tarde. As temperaturas descenderán, especialmente as máximas. O vento comezará o día frouxo de compoñente sur e virará a nordés con avance da xornada.
O mércores Galicia quedará nunha zona intermedia entre altas e baixas presións, mais ainda con aire frío nas capas altas da atmosfera. Con esta situación, os ceos estarán parcialmente cubertos, con chuvascos. As temperaturas mínimas non experimentarán cambios significativos mentres que as máximas ascenderán lixeiramente. O vento soprará de compoñente norte, frouxo pola mañá aumentando a moderado pola tarde.