Pontevedra pide 1,6 millóns á Xunta para cofinanciar os servizos sociais
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal de Pontevedra solicitará unha subvención de 1,62 millóns de euros á Xunta de Galicia, dentro da convocatoria aberta polo executivo autonómico para axudar aos concellos para sufragar os gastos xerados polos servizos sociais comunitarios.
En concreto, o plan concertado municipal para o ámbito dos servizos sociais está valorado en case 3.410.000 euros, dos cales o Concello asume 1.687.000 euros. O resto, 1.626.000, é o que se lle pedirá á Xunta, que achega outros 95.000 euros a través do plan de inclusión.
A portavoz do goberno pontevedrés, Anabel Gulías, defendeu que estes servizos sociais son "fundamentais" para os cidadáns, especialmente no contexto actual, e supoñen un investimento "importante" tanto en recursos económicos como humanos.
Así, o groso do diñeiro solicitado á Xunta servirá para asumir os salarios do persoal municipal nesta área, composta por doce traballadoras sociais, tres titulados superiores, un titulado medio, dúas administrativas, dous auxiliares administrativas e un ordenanza.
A estes vinte postos de traballo, o Concello destina 1.026.000 euros anuais, dos cales 680.000 achégaos a administración municipal e os 346.000 restantes pídense á Xunta.
Para o servizo de axuda no fogar, nas súas respectivas modalidades, resérvanse 1.622.000 euros, que se reparten entre os 591.000 euros do Concello e os 1.030.000 da Xunta.
Dentro desta subvención inclúense tamén diferentes programas de información e orientación aos usuarios dos servizos sociais, que custan uns 760.000 euros ao ano. Deles, 415.000 saen das arcas municipais e 345.000 da Xunta.
Relacionadas:
-
Benestar Social e Idades lanzan un novo curso para formar a futuros traballadores do SAF
Por Redacción |
-
Benestar Social remata un plan que busca aumentar a empregabilidade das persoas en risco de exclusión
Por Redacción |
-
Unha empresa externa vixiará que o Concello cumpra a normativa de protección de datos persoais
Por Oskar Viéitez |
-
Boa Vida aposta pola formación para axudar as persoas a saír de situacións de vulnerabilidade
Por Mónica Patxot & Redacción |