Acometen obras de emerxencia en Fontesanta para reforzar o muro que perimetra o barrio
Por Alejandro Espiño
O Concello destinará 186.000 euros para sufragar unha serie de obras de emerxencia para solucionar as deficiencias detectadas polos técnicos municipais no muro que perimetra todo o barrio de Fontesanta, situado entre Campolongo e Salcedo.
Por mor dunha denuncia veciñal, explicou a edil Anabel Gulías, os servizos municipais concluíron que era necesario reconstruír un muro duns 20 metros cadrados que estaba parcialmente derruido, situado nun dos extremos da urbanización.
Pero nunha inspección máis exhaustiva revisouse todo o muro e decidiuse actuar sobre outro tramo, duns 80 metros cadrados, onde, a pesar de que non existe risco de esborralle, presentaba pequenos desprendementos que poderían chegar a afectar á súa estrutura.
As obras, que executará a empresa EC Casas e teñen un prazo de execución de dous meses, incluirán ademais a roza de todo este perímetro e a reposición de servizos soterrados, entre eles un pozo de saneamento situado baixo o muro. Tamén se repoñerán os farois.