A nova executiva do PP de Pontevedra contará con coordinadores en todas as comarcas
Por Redacción
O candidato a presidir o PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, avanza que a política municipal terá un lugar destacado na nova executiva que saia do Congreso provincial que se celebra este sábado na cidade do Lérez, e por iso apostará de novo por nomear coordinadores en todas as comarcas da provincia.
Así o anunciou na reunión que mantivo este luns pola noite en Sanxenxo, con alcaldes, voceiros e compromisarios dos concellos do Salnés.
Estes coordinadores farán de enlace entre os diferentes concellos de cada comarca e a propia dirección provincial. O obxectivo, explicou, é fomentar as relacións e coordinar o traballo entre os diferentes alcaldes e voceiros municipais, poñer en común as iniciativas que se levan a cabo en diferentes concellos e coordinar accións conxuntas.
"É momento de ser máis sensibles que nunca cos problemas e necesidades da cidadanía, e por iso é fundamental dar protagonismo ao municipalismo e á política de proximidade", dixo Rueda.
Durante o encontro, aproveitou tamén para facer balance dos que foron os dous "piares de traballo" durante os últimos cinco anos no PP provincial: "a unidade e a renovación".
Alfonso Rueda recordou que nun mandato marcado polas numerosas citas electorais e pola pandemia sanitaria, se celebraron 22 congresos na provincia, incluídas as tres cidades. Pero, ademais, o PP de Pontevedra, que ten o maior número de afiliados de todas as provincias galegas con 30.000 persoas, sumou nos últimos cinco anos preto de 1.500 novas persoas, "unha cifra moi meritoria porque, ademais, na súa maioría son xente moza".
Por último, o candidato ofreceu "experiencia, traballo e unidade" para seguir liderando o partido, pero tamén "a mesma ilusión que o primeiro día para traballar pola provincia e polo partido. É fundamental para estar ao carón das 61 agrupacións locais e dos seus afiliados".
"O reto, salientou, é trasladar en dous anos os bos resultados que tivo o PP nas eleccións autonómicas que se celebraron o ano pasado aos 61 concellos da provincia, para garantir a estabilidade e as certezas que ofrecen os Gobernos do Partido Popular", rematou Alfonso Rueda.
Relacionadas:
-
O PP renova o 73% do comité de dirección provincial, cun peso importante dos alcaldes
Por Redacción |
-
Luis López será o novo secretario xeral do PP en Pontevedra
Por Redacción |
-
Alfonso Rueda apela á unidade do Partido Popular para recuperar a provincia
Por Redacción |
-
Rueda insiste en que Goberno central e Concello deben dar unha solución ás familias prexudicadas polo peche de Ence
Por Redacción |
-
O PP, coa mente posta nas municipais de 2023: "Non renunciamos a nada"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |