As intervencións dos socorristas nas praias de Poio creceron un 65 % en agosto
Por Redacción
O servizo de socorrismo habilitado nas praias de Xiorto, na parroquia de Raxó, e Cabeceira, en Lourido, viu incrementada a súa actividade de xeito notable durante o mes de agosto no que a intervencións se refire. A chegada dun maior número de visitantes e, sobre todo, a mellora das condicións meteorolóxicas con respecto a xullo provocou que estes areais rexistrasen unha maior afluencia de xente, o que tamén se traduciu en máis incidencias.
En total, os seis profesionais contratados durante estes meses polo Concello de Poio para velar pola seguridade dos e das bañistas tiveron que efectuar un total de 176 actuacións. Esta non só é a cifra máis alta dos últimos anos en agosto, senón que tamén supón un importante crecemento con respecto a xullo, cando as intervencións apenas chegaron ás 59. Polo tanto, este incremento é superior ao 65%.
Foi no areal de Xiorto onde se rexistrou un maior número de incidencias, cun total de 115, mentres que en Cabeceira chegaron ás 61. No primeiro caso, o aumento de intervencións estivo motivado fundamentalmente polo tratamento de feridas sufridas por persoas que se atopaban no areal, cun total de 74. Tamén destacan os 15 cortes e as 16 picaduras de insectos que se produciron. Ademais, cinco persoas precisaron que se lles tomase a tensión e dúas tiveron que ser trasladadas en ambulancia a un centro sanitario ao sufrir diferentes indisposicións.
Menos intervencións houbo en Cabeceira, que, aínda así, tamén rexistrou máis actividade para os socorristas que no mes de xullo. Neste caso, foron auxiliadas 32 persoas por sufrir feridas de distinta consideración, ademais de 14 picaduras de insectos. Tratáronse, asemade, catro traumatismos e tamén houbo outros catro traslados en ambulancia.
Este rexistro de actividade vén motivado pola mellora das condicións meteorolóxicas, toda vez que durante o mes de agosto o calor foi protagonista durante boa parte do mes, no que se rexistraron moi poucos días de chuvia e frío, todo o contrario ao que ocorreu en xullo.
O servizo de socorrismo permanece operativo durante o actual mes de setembro. Cómpre lembrar que este verán Poio mantivo a súa bandeira azul en Cabeceira e optou por manter a vixía para garantir a seguridade dos bañistas tamén en Xiorto, outra das praias de referencia do municipio.
Relacionadas:
-
Socorristas de Poio denuncian que o Concello lles paga menos do comprometido
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Poio dá a benvida ao verán co izado da bandeira azul na praia de Cabeceira
Por Redacción |
-
A calidade das augas das praias Poio conseguen os mellores resultados do último lustro
Por Redacción |