Seguridade sanitaria e actividade docente presencial marcan o inicio do curso de 9.500 alumnos de secundaria
Preto de 9.500 alumnos de Pontevedra cidade e dos concellos da súa contorna volveron este mércores ás aulas. Trátase do alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato dos centros educativos públicos, que volveron á actividade educativa nun curso que seguirá marcado polos protocolos derivados da pandemia da covid-19.
Nesta xornada de arranque, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luís López, garantiu a seguridade sanitaria fronte á covid-19 e unha elevada calidade educativa e formativa. Fíxoo durante unha visita ao instituto Sánchez Cantón de Pontevedra.
Alí explicou que as "máximas que guían a acción da Xunta neste comezo de curso" son máxima seguridade sanitaria e a actividade docente presencial. "Así será ao longo de todo o ano e estes principios xeran unha gran confianza nas familias, como se demostrou o pasado ano, porque saben que os centros son espazos seguros", indicou.
Tamén trasladou ao alumnado os parabéns en nome da Xunta pola "madurez e responsabilidade" amosada nos anos anteriores, moito máis difíciles por mor da pandemia, e pola continuidade que está seguro de que van ter no seu "intachable comportamento" neste novo curso malia que xa se pode actuar con algo máis de liberdade polo importante avance da vacinación entre as mozas e mozos de máis de 12 anos.
Luís López estivo acompañado polo xefe territorial de Educación, César Pérez, e representantes municipais para comprobar o funcionamento dos protocolos establecidos pola Xunta e tamén para supervisar as obras de mellora que o departamento autonómico está a realizar neste instituto pontevedrés para ampliar a superficie das aulas co obxectivo de favorecer a súa versatilidade e seguridade sanitaria.
As obras supoñen a rehabilitación de espazos infrautilizados nun centro que conta con 9.500 metros cadrados e que presenta un bo estado malia os seus 36 anos de antigüidade grazas ás obras realizadas pola Xunta ao longo dos últimos anos.
Esta actuación, que conta cun investimento de 236.000 euros por parte da Consellería de Educación, aínda se prolongará durante varias semanas, pero programouse un detallado cronograma das obras para non interferir na actividade lectiva.
Inicio do curso no Ensino Secundario e na Formación Profesional
Nesta xornada de arranque, o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luís López, garantiu a seguridade sanitaria fronte á covid-19 e unha elevada calidade educativa e formativa. Fíxoo durante unha visita ao instituto Sánchez Cantón de Pontevedra
© Mónica Patxot
Relacionadas:
-
O Concello prepara o novo curso cos centros educativos e anuncia que volverá asumir tarefas de desinfección
Por Redacción |
-
Galicia amplía aforos nas mesas de hostalería e permitirá reunións de madrugada
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra investiu 117.000 euros na posta a punto dos colexios para o inicio do curso
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O curso escolar comeza en Galicia con 9.000 estudantes menos que hai dous anos
Por Redacción |