Seguen a caer os casos de coronavirus, xa só hai 187 pacientes na área sanitaria
Por Oskar Viéitez
O Servizo Galego de Saúde notifica este xoves 16 de setembro, 187 pacientes con infección activa de covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Son 17 menos que onte.
Son 7 novos casos confirmados por probas diagnósticas de infección activa nas últimas 24 horas.
O número de pacientes hospitalizados é de 4 persoas atendidas no Hospital Montecelo. Outros tres están ingresados en estado crítico na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) de Montecelo.
O resto dos que contraeron o virus, 180 casos, atópanse illados nos seus domicilios con sintomatoloxía breve ou asintomáticos.
Desde o inicio da pandemia 20.966 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19. Nas últimas 24 horas curáronse 24 persoas.
Durante a pandemia rexistráronse 202 falecementos asociados ao virus nesta área sanitaria.
En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 300.468, nas últimas 24 horas fixéronse 240. A estas probas súmanse as 135.550 probas de antígenos e outras 107.710 probas de detección realizadas ata a data.
VACINACIÓN
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés avanza este xoves no reforzo de vacinación Covid en persoas trasplantadas e inmunodeprimidas. No Hospital Montecelo citouse a 83 persoas e no do Salnés a outras 30.
Ademais, neste último estaba previsto que asistisen outras 20 persoas en risco de exclusión social nas instalacións de Cáritas Arousa na praza da Constitución.
GALICIA
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.764 deles 760 son da área da Coruña, 525 da de Lugo, 299 da de Ourense, 187 da de Pontevedra, 434 da área de Vigo, 456 da de Santiago e 103 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 31 están en UCI, 88 en unidades de hospitalización e 2.645 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 176.101 persoas curadas, rexistrándose 2.612 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 2.800.822.
O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 4.281.955.