Regresan as Ponteandadas tras o parón da pandemia
Por Mónica Patxot & María José Pita
Despois de dous aprazamentos debido á pandemia da COVID, este domingo 19 de setembro regresa a Pontevedra o programa municipal Ponteandadas, desta volta encadrado nas actividades de ‘A Vida é Movernos’, que promove a Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde.
O concelleiro desta área, Tino Fernández, explicaba na presentación das cinco andainas que se van desenvolver ata o mes de novembro que é este "un proxecto para dinamizar a aquelas persoas que lles gusta camiñar ou que desexen recuperar a actividade física interrompida pola pandemia, á vez que coñecen a contorna de Pontevedra: urbana, periurbana e rural".
Juan Romero, o coordinador das rutas, engadía que, ademais do obxectivo de facer deporte, tamén se persegue que a xente socialice. Romero explicaba como se vai estruturar esta actividade para atender a todas as normas sanitarias e de seguridade.
ESTRITAS NORMAS DE SEGURIDADE
Cada ruta contará cun número máximo de 200 participantes, que sairán en grupos de 20 persoas guiados por un monitor e ao que ningún camiñante poderá adiantar, para manter os grupos controlados.
A saída está fixada para as 10:00 horas e remate sobre as 14:00 para un percorrido medio de 10 quilómetros con baixa dificultade.
Os grupos "illados" garantirán que, de notificarse un positivo por COVID con posterioridade á actividade, poderán controlarse os contactos directos desa persoa. Cada participante estará identificado, deberá portar máscara e contará con xel hidroalcólico á súa disposición. Tamén habilitarase un servizo de ambulancia e primeiros auxilios, como vén sendo habitual nas Ponteandadas.
INSCRICIÓNS ABERTAS
Javier Piñeiro, o director técnico das Ponteandadas e integrante xunto a Juan Romero do club de sendeirismo Naturgaliza, animaba a toda aquela persoas que desexen practicar unha actividade física e de lecer que se inscriban por medio das diferentes vías de contacto. A través do correo electrónico ponteandadas@gmail.com, no Whatsapp 625 482 636 ou na páxina de Facebook do Concello de Pontevedra.
Os organizadores manifestaban que esta actividade está aberta a todas as idades, desde nenos ata xente maior. Neste sentido, lembraban que nas últimas edicións se vén detectando unha maior presenza de mulleres, sobre o 75% dos participantes, en idades comprendidas entre os 40-45 anos ata os 70-80.
CINCO RUTAS
A primeira Ponteandada celebrarase este domingo 19 de setembro. Esta primeira ruta xa estivera programada hai máis dun ano pero, coas prazas xa cubertas, tivo que aprazarse debido ás condicións da pandemia. Para esta nova convocatoria, respectouse ás persoas que xa estaban inscritas, polo que vai ser a única ruta para a que xa non hai prazas dispoñibles. Estas son as 5 rutas que compoñen Ponteandadas 2021:
– Ruta 1 (19 de setembro): Bora-Mourente. Desde o Miradoiro de Monte Porreiro farase un percorrido polas dúas marxes do Lérez, na beira pola que discorre a Senda do Lérez e pola outra marxe menos coñecida e nunha contorna en plena natureza, onde os camiñantes atoparán muíños ou mesmo praias agochadas.
– Ruta 2 (10 de outubro): Salcedo-Cabana (río Gafos). A partir da praza do Gremio de Mareantes, na desembocadura do Gafos, trazarase un traxecto ao carón do río, con treitos urbanos e rurais, compartindo parte do Camiño Portugués a Santiago polo que transitan moitos peregrinos.
– Ruta 3 (24 de outubro): Monte da Fracha. Aproveitarase para coñecer os cambios e melloras nesta contorna arrincando a camiñada na zona do miradoiro, onde se poderá asistir a unha vista excepcional dos municipios veciños e a Ría de Pontevedra.
– Ruta 4 (7 de novembro): Pontillón de Castro. O primeiro treito, que arrincará nas pistas de piragüismo, será ao redor do encoro para, a continuación, adentrarse no monte con varios quilómetros desfrutando da imaxe privilexiada da Ría. Os organizadores indican que esta será a ruta máis doada, xa que transcorre por pistas forestais sobre un terreo moi regular.
– Ruta 5 (21 de novembro): Parque Forestal da Tomba. Esta ruta, que parte do parque de San Pedro en Campañó (xunto ao Hotel Rural Campaniola) ofrece aos camiñantes a posibilidade de descubrir o recuperado bosque autóctono e os petroglifos. O monte de ribeira levaraos ata varios miradoiros para divisar a Ría e unha contorna ideal para pasar un día en familia que é descoñecida para moitos pontevedreses.
Todas as rutas son circulares, é dicir, que empezan e rematan no mesmo punto. Ademais, desde a organización informan de que os percorridos non teñen dificultade técnica e que os puntos de encontro contan cun amplo aparcamento.
Relacionadas:
-
Ponteandadas bota o peche á súa edición de 2021 con concorrida andaina polo parque forestal da Tomba
Por Redacción |
-
Máis de 150 persoas coñecen o parque forestal da Fracha a través dunha Ponteandada
Por Redacción |
-
166 persoas participaron na camiñada de Ponteandadas polo río dos Gafos
Por Redacción |
-
Ponteandadas retoma as rutas este domingo coas prazas esgotadas
Por Redacción |
-
A Boa Vila acolle un grupo de galegos do exterior na súa peregrinación a Santiago
Por Redacción |
-
Un domingo para camiñar pola cidade con PonteSán e a primeira das PonteAndadas
Por Redacción |
-
A terceira etapa de Ponteandadas, tamén suspendida polo coronavirus
Por Redacción |
-
Suspenden a etapa de Cerponzóns, segunda do programa Ponteandadas 2020
Por Redacción |
-
Suspenden a primeira andaina de Ponteandadas prevista para este domingo atendendo as recomendacións sanitarias
Por Redacción |