Unha parcela sobre o falso túnel de Canaval dotará a Figueirido dun novo parque infantil
Por Redacción
O goberno municipal de Vilaboa construirá un parque infantil nunha parcela de 6.440 metros cadrados situada sobre o falso túnel de Fontequente, en Canaval, no tramo Vilaboa-Pontevedra do eixo atlántico de alta velocidade.
Trátase dunha concesión administrativa do ADIF ao Concello por un período inicial de 75 anos.
A primeira fase dos traballos, que comezará a executarse este mesmo ano, contempla o acondicionamento do terreo mediante o estendido e perfilado de terras e a creación de dunas artificiais e áreas de xogos, previa demolición do peche de finca existente, con pequenos muretes de contención de perpiaño de granito que servirán de asentos.
Esta primeira actuación inclúe tamén o deseño do sendeiro interior do parque formado por unha base granular de zahorra e pavimento continuo de formigón, así como a plantación de oito freixos comúns e oito carballos.
Esta área de esparexemento contará nesta primeira fase, na que se invisten 30.000 euros, cun xogo infantil de rede tridimensional piramidal e un xogo de exercicio mediante barras paralelas, ademais de varias papeleiras.
Nunha segunda fase posterior a área ampliarase coa instalación dun xogo infantil para nenos e nenas de 2 a 6 anos, composto por casiña con torre e pasarela; outro para nenos e nenas de 1 a 4 anos, cun muro activo; un bambán de dous asentos metálicos e outro con cesta.