O Festival da Ameixa chega a Campelo coas entradas esgotadas para M-Clan e Dr. Queen e parking disuasorio
Por Redacción
O Programa Verán en Poio 2021 empeza a despedirse esta fin de semana en Campelo ao ritmo do Festival da Ameixa, que substitúe á tradicional Festa da Ameixa, que este ano non se celebrará por mor da pandemia da covid-19. Ao longo da fin de semana cobrarán protagonismo os colectivos locais con pasarrúas e animación e os concertos de M-Clan e Dr. Queen, para os que as entradas xa están esgotadas.
O Festival da Ameixa celebrarase en Campelo a partir do venres. O propio venres actuará M-Clan e o sábado, Dr. Queen. Ambos concertos darán comezo ás 22.00 horas na Praza da Granxa.
O Concello habilitará aparcamentos disuasorios na contorna. Trátase de parcelas cedidas polos seus propietarios para garantir prazas suficientes de estacionamento durante os dous días de concertos, aos que hai que sumar os aparcadoiros disuasorios xa habilitados polo Concello en Pedro Soto e Padre Avelino.
O concelleiro de Festexos, o nacionalista Xosé Luís Martínez, agradece a predisposición destas persoas para facilitar este servizo.
A programación abrirase o venres ás 19.00 horas cun pasarrúas a cargo de Vides Novas. O sábado, ás 11.30 horas, a Escola de Música Tradicional de Poio encherá de música e colorido o núcleo de Combarro, mentres que Os Queimatasas entrarán a escena a partires das 19.00 horas.
A pandemia cambiou o formato da festa, pero non o Concurso de Fotografía Festa da Ameixa, que chegou á súa cuarta edición. A Concellería de Festexos deu a coñecer os nomes dos autores e autoras das tres instantáneas mellor valoradas polo xurado. Cómpre lembrar que a temática das mesmas tiña que ter a Campelo coma protagonista.
A obra gañadora foi ‘Un paseo ao atardecer’, de Gerardo Pazos Juncal, mentres que o segundo premio se lle outorga a Iago Manoel Souto Lorenzo por ‘Un lugar diferente’. Por último, a terceira fotografía máis valorada foi ‘Limiar’, realizada por Annabel Gómez Carballo. Todos eles recibirán vales de 300, 200 e 100 euros, respectivamente, para gastar na compra de material fotográfico ou similar.
A programación de verán rematará a próxima fin de semana. Aínda quedan entradas dispoñibles en woutick.es para os espectáculos que ofrecerán na Seca as orquestras París de Noia, o 24 de setembro, e El Combo Dominicano o sábado 25, ambos ás 22.00 horas.
O Programa Verán en Poio 2021 despedirase o domingo cun espectáculo a cargo de Pelepau en Costa Xiráldez (Lourido), ás 20.00 horas, con entrada libre ata completar ocupación.