Cerdedo-Cotobade destina 27.000 euros a poñer fin aos problemas de drenaxe en Calvelo
Por Redacción
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o concelleiro responsable da parroquia de Tenorio, Pepe Pichel, inspeccionaron o remate dos traballos realizados polo Concello para resolver os graves problemas que as augas pluviais ocasionaban aos veciños de Calvelo.
O Concello investiu uns 27.000 euros en poñer en marcha toda unha rede de canalización de pluviais que permiten recoller as augas da choiva que nos meses de inverno baixan desde o monte e producían serios problemas nas vivendas e mesmo no vial de acceso rodado ás casas do lugar de Calvelo.
Cubela e Pichel percorreron todo o trazado comprobando como os cortes efectuados na calzada, a colocación de reixas de protección e de recollida das augas a través das novas canalizacións serán "unha solución axeitada" a un problema que viñan padecendo desde hai moito tempo os veciños de Calvelo.
Segundo o alcalde "con esta obra resolvemos un grave problema e atendemos unha demanda máis dos nosos veciños".
Pola súa banda, o concelleiro Pepe Pichel indicou que inicialmente estaba previsto acometer un trazado máis curto, "pero unha vez visto o tema decidimos ampliar a actuación ata completar prácticamente todo o vial de acceso ás vivendas facendo moito máis efectiva a protección fronte ás augas pluviais que van totalmente canalizadas, contan con reixas, rexistros e arquetas que garantizarán o bo funcionamento deste sistema de drenaxe co que dotamos a Calvelo", indicou ou edil.
CONCURSO PUBLICO
Concello de Cerdedo-Cotobade saca a concurso público a execución de obras de mellora de infraestruturas de abastecemento municipal de augas no territorio de Cerdedo cun investimento total de 25.715 euros que se licitarán en dous lotes por tratarse de dúas unidades de actuación moi diferenciadas.
Estas melloras levaraas a cabo o Concello de Cerdedo-Cotobade grazas a unha axuda facilitada polo Fondo de Compensación Medioambiental da Xunta e aplicaranse no subministro de auga municipal no terriorio de Cerdedo que precisa dunha intervención neste sentido.
Así, o investimento previsto vai encamiñado a dúas actuacións concretas ben diferenciadas, por unha parte a obra de albanelería consistente na formación da cuberta da ETAP e a impermeabilización interior desta, mentras que, por outra banda, se acometerá a subministración de equipos de depuración.