Estados Unidos, Reino Unido e Alemaña, obxectivos da D.O. Rías Baixas para 2013
Por Redacción
Manter a súa aposta polos mercados nos que os seus viños xa están consolidados e ampliar a súa presenza naqueles con potencial de crecemento. Son as dúas liñas básicas de actuación da D.O. Rías Baixas en materia de exportacións para 2013. Así o decidiron un total de 22 bodegas que participaron nunha reunión de planificación celebrada no Pazo de Mugartegui de Pontevedra.
As bodegas consideran que a denominación debe manter a súa aposta polos mercados internacionais no actual contexto económico nacional, seguindo a mesma planificación realizada ata o momento e que segundo o Consello Regulador "está dando bos resultados".
A aposta pasa polos mercados consolidados como son Estados Unidos, Reino Unido, Alemaña ou México, entre outros, sen deixar de mirar aos mercados con ampla marxe de crecemento como son os asiáticos, aos que sumar os países nórdicos (Noruega, Suecia e Finlandia), Canadá e Irlanda, onde os viños de Rías Baixas están obtendo unha boa resposta. Ademais, acordaron incidir na proxección no ámbito latinoamericano, en países como Panamá, Venezuela e Colombia.
Dentro das actividades previstas e, seguindo a planificación marcada ata o momento, suscitaron a posibilidade de organizar un showroom en Londres, ao que as bodegas poderían acudir baixo o paraugas da D.O. Rías Baixas; e a participación nunha feira internacional cun stand xenérico-marquista, similar ao de Alimentaria Barcelona, onde cada bodega contaría cun espazo propio como coexpositora.
Actividades como seminarios e catas de formación, misións inversas de prensa, sumilleres e importadores, así como presentacións da D.O. ao sector profesional en diferentes países, acompañadas de ceas ou xantares-maridaxe coa gastronomía local seguirán marcando a ruta das actividades promocionales para o próximo ano.
Entre elas, atópanse o Plan de Comunicación de Estados Unidos, así como a asistencia a feiras como a London Wine, Vinexpo, Alimentaria México, Food & Hotel Chinesa, Wine&Spirits Fair, entre outras. No caso dos seminarios reforzaranse os temas específicos, por exemplo dedicándoos a países de interese ou aos trámites que se deben seguir para a exportación.