O Concello prepara o novo curso cos centros educativos e anuncia que volverá asumir tarefas de desinfección
Por Redacción
O Concello de Poio reafirmou esta semana a súa aposta polos centros educativos do municipio á hora de asumir tarefas como a desinfección das instalacións para previr a expansión da covid-19.
A concelleira de Educación, a nacionalista Raquel Rodríguez Alonso, mantivo unha reunión o martes cos responsables dos colexios e do IES de Poio e, despois da xuntanza, explicou a través dun comunicado que aínda que esas tarefas de desinfección deberían ser realizadas pola Xunta de Galicia, o Concello vainas asumir porque "son indispensables para garantir a seguridade neste contexto no que nos atopamos".
"Seguiremos a liña trazada durante o pasado curso, no que xa o Concello levou a cabo estes traballos, pese a non contar con ningunha axuda específica por parte da Administración autonómica", afondou.
A reunión da concelleira de Educación cos responsables dos centros educativos serviu para darlles a benvida neste inicio de curso 2021-2022 e para explicar e analizar as diferentes iniciativas e actuacións que se desenvolverán nos centros educativos ata o vindeiro mes de xuño.
Segundo informou o Concello, seguirase a liña de anos anteriores, apostando por citas nas que acaden protagonismo eidos como o da cultura, o medio ambiente e a normalización lingüística, entre outros.
A concelleira de Educación incide na importancia de manter esta oferta, habida conta da gran resposta que houbo tanto por parte do profesorado como do alumnado durante edicións anteriores, incluído o curso 2020-2021, no que foi preciso adaptar a realización das actividades ao contexto sanitario.
Raquel Rodríguez tamén tomou nota de necesidades dos centros educativos, entre elas, reformas ou dotación de persoal, para trasladalas á Xefatura Territorial de Educación nunha reunión que confían en ter en próximas datas.
Relacionadas:
-
Activan as actividades para escolares que organiza o Laboratorio da Infancia
Por Redacción |
-
Seguridade sanitaria e actividade docente presencial marcan o inicio do curso de 9.500 alumnos de secundaria
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
O curso escolar tamén comeza na biblioteca municipal de Caldas
Por Redacción |
-
Regina, a limpadora que adoza datas sinaladas aos máis pequenos
Por Marisa Ciordia |
-
Pontevedra investiu 117.000 euros na posta a punto dos colexios para o inicio do curso
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |