O PP renova o 73% do comité de dirección provincial, cun peso importante dos alcaldes
Por Redacción
O Congreso do PP de Pontevedra que se celebrará esta fin de semana suporá renovar o 73% do comité de dirección provincial, no que só repiten Alfonso Rueda, Nidia Arévalo e Jorge Cubela.
Así o deu a coñecer este xoves o actual presidente provincial e candidato á presidencia, Alfonso Rueda, que anunciou que reforzará a executiva coa designación de oito vicesecretarios.
Estes oito vicesecretarios formarán o núcleo duro do partido, xunto ao presidente; o secretario xeral, Luís López; e a vicepresidenta, posto no que repite a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo.
Os vicesecretarios serán os alcaldes Jorge Cubela, María Ramallo, Telmo Martín, José López e José Crespo; o presidente do PP do Porriño e deputado provincial, Alejandro Lorenzo; Marta Fernández-Tapias, delegada da Xunta en Vigo; e Pepa Pardo, deputada provincial e concelleira en Pontevedra.
Alfonso Rueda aposta por un equipo reducido, áxil, representativo da provincia e no que ten un peso fundamental o municipalismo, posto que cinco dos vicesecretarios e a vicepresidenta son alcaldes e hai concelleiros e deputados provinciais.
Rueda destaca que son persoas "con ampla experiencia" que "contan co aval das urnas e dos seus veciños" e que o seu obxectivo é "reforzar e preparar o partido para afrontar as municipais de 2023".
O Comité Organizador do Congreso mantivo a última reunión antes da celebración do cónclave e decidiu designar os membros que se proporán para integrar a Mesa do Congreso. A proposta incluirá a Jose Manuel Cores Tourís, como presidente, Ana Cristina Pérez Cabaleiro (presidenta de NNXX provincial de Pontevedra) como vicepresidenta, e Guillermo Juncal (concelleiro do PP local de Pontevedra) como secretario. Como vogais exercerán Marta Valcárcel (alcaldesa de Salvaterra) e Teresa Egerique (deputada autonómica e concelleira do PP de Vigo).
No congreso participarán aproximadamente 700 persoas, na súa maioría, compromisarios dos 61 concellos da provincia.
Para garantir a máxima seguridade e dar cumprimento aos protocolos sanitarios, habilitaranse salas con pantallas para poder seguir o congreso.
Relacionadas:
-
Alfonso Rueda, reelixido presidente provincial do PP con mensaxe cara ENCE: "Imos ser aliados dos postos de traballo"
Por Diego Espiño |
-
Rueda presenta un “equipo renovado e municipalista” para dirixir o PP de Pontevedra os próximos anos
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Luis López será o novo secretario xeral do PP en Pontevedra
Por Redacción |
-
A nova executiva do PP de Pontevedra contará con coordinadores en todas as comarcas
Por Redacción |
-
Alfonso Rueda apela á unidade do Partido Popular para recuperar a provincia
Por Redacción |