Minuto de silencio polo crime de Mónica Marcos: "Unha vez máis a violencia machista acaba coa vida dunha muller"
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
Institucións e cidadanía volveron amosar este venres a súa repulsa contra a violencia de xénero. A Subdelegación do Goberno, o Concello de Pontevedra e o Consello Municipal da Muller de Poio foron algunhas das entidades que convocaron minutos de silencio para lembrar a última vítima da violencia machista este ano, Mónica Marcos, de 52 anos e asasinada a puñaladas pola súa parella o mércores na Coruña.
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu o minuto de silencio convocado ás portas da Subdelegación do Goberno en lembranza de Mónica Marcos Piñeiro en canto foi recoñecida oficialmente como vítima de violencia de xénero. Trátase da primeira vítima galega de 2021, a 35 a nivel estatal, e eleva a xa a 1.113 o total de vítimas da violencia de xénero desde que hai estatísticas.
"Unha vez máis a violencia machista acaba coa vida dunha muller", lamentou Maica Larriba, que quixo trasladar todo o seu apoio a familiares e amizades a asasinada. O seu cadáver foi localizado polo seu fillo pasada a unha e media da madrugada do xoves rodeado por un charco de sangue e cun coitelo ao lado. Tiña varias puñadas que presuntamente recibiu horas antes, durante o día do mércores.
Despois de matala, o seu mozo fuxiu da casa na que convivían na Coruña e colleu un avión con destino a Madrid. Cando apareceu o cadáver, o suposto asasino xa estaba na capital de España. Finalmente foi detido sobre as oito da tarde do xoves nun hostal desta cidade.
A subdelegada pediu a institucións, administracións e a toda a sociedade seguir loitando para evitar que se produzan novas mortes como esta e lembrou que o Ministerio de Igualdade, por medio da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, ten a disposición da cidadanía o teléfono 016, as consultas en liña a través do correo electrónico 016-online@igualdad.gob.es e a canle do WhatsApp no número 600 000 016, que funcionan as 24 horas, todos os días da semana.
"É un deber de toda a sociedade facerlle fronte a esta lacra", recordou Maica Larriba. A violencia machista golpea a toda a sociedade, sen excepcións, Na provincia de Pontevedra, hai 1.238 mulleres no Sistema de Seguimento de Violencia de Xénero.
O tenente de alcalde de Pontevedra, Tino Fernández, presidiu o minuto de silencio protagonizado ás portas do edificio municipal de Michelena, ao que acudiron representantes das distintas forzas políticas do Concello e a Deputación Provincial en repulsa polo asasinato machista.
Tino Fernández sinalou a importancia de "rexeitar outra vítima máis da violencia machista" e a "necesidade de seguir loitando contra esa lacra", que "non deixa de ser unha forma de terrorismo que causa enormes estragos non só polas mortes senón polo destrozos das familias".
En Poio, representantes das asociacións de mulleres, membros da corporación e persoal municipal participaron na mañá deste venres no parón institucional e minuto de silencio convocado polo Consello Municipal da Muller.
A concentración tipo lugar ás portas da Casa Rosada, onde se atopa o Centro de Información á Muller (CIM). O Consello Municipal da Muller realiza este tipo de concentracións cada vez que se rexistre un suceso destas características en Galicia, para honrar a memoria das vítimas e amosar publicamente a súa repulsa contra o grave problema social da violencia machista.