Interceptan un alixo de máis de oito toneladas de haxix que unha organización de Cambados importou de Marrocos
Por Redacción
Un operación conxunta a nivel internacional entre axentes da Policía Nacional, a Dirección Xeral de Seguridade Nacional de Marrocos e a Drug Enforcement Administration ( DEA) de Estados Unidos logrou intervir un importante alixo de máis de oito toneladas de haxix que tiña como destino unha organización de narcotraficantes de Cambados.
Os tres corpos policiais interviñeron 8.200 quilos de haxix almacenados nunha vivenda da localidade gaditana de Alxeciras e detiveron a cinco persoas como membros da organización criminal responsable da importación do estupefaciente intervido.
Segundo confirmou a Policía Nacional, o destino final da droga era unha organización galega que estruturara o seu funcionamento grazas a contactos que estableceran no Porto de Alxeciras. En concreto, controlaban a operación desde Cambados.
A operación, que se desenvolveu no marco do Plan Meridional, comezou fai seis meses, cando foi descuberta unha organización criminal dedicada á importación de haxix desde Marrocos ata Europa a través do Porto de Alxeciras.
Os avances das xestións policiais permitiron coñecer que un grupo de narcolancheiros, a través dos seus contactos no país africano, facía chegar aos seus clientes europeos a droga que lles reclamaba de forma case constante. Para iso, facían uso de vehículos industriais dos que a diario viaxan en ferri entre Tánxer e Alxeciras.
Con esta información, e unha vez identificado o camión que utilizaban, os axentes iniciaron as xestións para determinar o destino da droga importada, así como identificar e deter aos responsables. Tras os pertinentes trámites no Porto de Alxeciras, púidose pescudar o barco no que viaxaría a bordo o camión, así como o seu horario de chegada. Tamén se puido identificar o condutor do vehículo, un cidadán nado na cidade marroquí de Tánxer.
A Policía Nacional estableceu un dispositivo de vixilancia e control e realizou un seguimento do camión ata o lugar no que o seu condutor pernoitou, continuado á mañá seguinte ata unha propiedade situada nos arredores da cidade. Ao mesmo tempo que o camión chegaba á vivenda, fixo entrada na mesma leira un turismo do que se apeou outro individuo.
Seguidamente, tres persoas descargaron do camión diversas caixas con características similares aos fardos de haxix. Uns minutos máis tarde, ao detectarse que o turismo abandonaba a vivenda, procedeuse á súa detención a escasos metros do lugar. Ao mesmo tempo, foi detido outro dos membros que se atopaban no seu interior cando trataba de fuxir.
No patio e o interior da vivenda localizaron unha gran cantidade de fardos de haxix, así como unha arma con munición e unha escopeta cargada. No interior do inmoble foi detida unha parella, mentres que, ao día seguinte, procedeuse ao arresto dun quinto membro da organización cando trataba de abandonar o país a través do Posto Fronteirizo de Alxeciras.
Durante o desenvolvemento da operación, os axentes interviñeron un camión, dous turismos, varios teléfonos móbiles, dispositivos informáticos, unha escopeta cargada, unha pistola e diversa munición.