
© Rafa Estévez / Deputación de Pontevedra
A Facultade Ágora reflexiona sobre o ‘Hábitat saudable e biodiverso’

Por Redacción

© Rafa Estévez / Deputación de Pontevedra

© Rafa Estévez / Deputación de Pontevedra

© Rafa Estévez / Deputación de Pontevedra

© Rafa Estévez / Deputación de Pontevedra
A directora do Departamento de Saúde e Medio Ambiente da Organización Mundial da Saúde (OMS), María Purificación Neira González, instou na sesión deste venres da Facultade Ágora da Deputación de Pontevedra aos alcaldes e alcaldesas da provincia a crear cidades saudables que prioricen ás persoas, e á cidadanía a escoller a representantes políticos que presenten as mellores planificacións urbanas en beneficio da saúde e a biodiversidade.
Segundo a doutora Neira, o papel dos rexedores é fundamental á hora de xestionar políticas de mobilidade, transporte público, de planificación urbana e espazos públicos, polo que instou a utilizar argumentos económicos, de saúde, e tamén electorais para que estes aposten por modelos saudables.
"Nós dicimos que os responsables municipais son ministros de saúde aínda que eles ou elas non o saiban, porque teñen nas súas mans a capacidade de crear as condicións que van influenciar dunha forma importante a saúde e benestar das persoas", sinalaba Neira Gonzaléz.
A directiva da OMS expuxo que nestes momentos se producen cada ano no mundo 7 millóns de mortes prematuras pola contaminación do aire e destacou que as persoas deben ser conscientes de que o seu benestar está en xogo.
Neira felicitou a iniciativa da Deputación de crear a Facultade Ágora e reunir especialistas multidisciplinares para formar a dirixentes e persoal técnico municipal porque "representa un espazo de intercambio de coñecemento para usalo para mellorar a vida da cidadanía".
O seminario co que a Facultade Ágora retomaba as actividades tras o verán tratou sobre ‘Hábitat saudable e biodiverso’. Ademais da directiva da OMS, contou tamén coa participación do biólogo Josep Selga Casarramona, que traballou 11 anos no Servizo Municipal de Parques e Xardíns do Concello de Barcelona co cargo de xefe de Departamento de Arboledo.
Na súa intervención fixo especial fincapé na palabra hábitat e as características que deben cumprir as vilas para que as persoas se desenvolvan en plenitude, poñendo de relevancia a importancia do verde urbano e das árbores como recurso para chegar ás cidades ideais. "O futuro da especie humana xógase na casa, non se xoga na Amazonía nin nos parques naturais: xógase ao lado da nosa casa, na nosa rúa, nas nosas prazas", sentenciaba.
Pola súa parte, Adolfo Baloira, médico xefe de pneumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e coordinador da unidade de seguimento creada na área sanitaria de Pontevedra con motivo da pandemia por COVID-19, explicaba que a nivel respiratorio o máis importante que pode haber nunha cidade é aire puro e facilitar o exercicio.
Na súa intervención na Facultade Ágora falou de como inflúe o aire de boa e mala calidade nas enfermidades respiratorias e do beneficioso que resulta ter lugares para camiñar. Subliñou como a contaminación e que haxa partículas en suspensión irritantes dá lugar a enfermidades respiratorias e tamén inflúe no contaxio por COVID.
A última intervinte, a arquitecta e paisaxista Isabel Aguirre de Úrcola, manifestou que "estamos de acordo en que hai que controlar os coches, pero hai que dar un paso máis. Ese paso máis inclúe introducir nas cidades as infraestruturas verdes".
Neste sentido, a iniciativa da Facultade Ágora, engadía de Úrcola, "é fantástica porque técnicos e políticos son os que teñen as ferramentas para aplicar os modelos máis avanzados. A poboación pódeos reclamar, pode demandalos, sufriraos e gozaraos, pero é o persoal técnico quen ten que concienciarse de todas estas cuestións e deben aprender e ver a necesidade de realizar a infraestrutura verde", remataba a arquitecta.
Relacionadas:
-
O secretario de Transición Ecolóxica Xusta, en Pontevedra polo Día Mundial do Medio Ambiente
Por Redacción |
-
O prestixioso arquitecto Jan Gehl dará o último seminario da Facultade Ágora
Por Oskar Viéitez |
-
Debaten como a mellora do espazo público converte ás cidades en "localidades atractivas"
Por Redacción |
-
Tonucci asegura que unha cidade está enferma se desaparecen os nenos das rúas
Por Redacción |
-
A Facultade Ágora abordará o xogo libre da infancia no espazo público como indicador de calidade nas cidades
Por Redacción |
-
Uxío Benítez traslada a un foro na Coruña a 'Fórmula Ágora' para fomentar o espazo público
Por Redacción |
-
Cinco últimos días para inscribirse no certame de fotografía #FotoÁgora
Por Redacción |
-
Retornan as sesións da Facultade Ágora coa directora de Saúde Pública da OMS
Por Redacción |
-
A Facultade Ágora acolle un último seminario sobre "Mobilidades alternativas" antes do parón do verán
Por Oskar Viéitez |
-
A Facultade Ágora analiza a redución do tráfico de paso e de transporte de mercadorías
Por Redacción |
-
Cuarta sesión da Facultade Ágora co recoñecemento dos peóns como base das cidades sustentables
Por Redacción |
-
A Facultade Ágora reflexiona sobre as cidades que coidan as persoas e limitan os vehículos
Por Redacción |