Sorpresa no BNG de Poio ao dar por boa a Valedora do Pobo a atención sanitaria no municipio
Por Redacción
Hai uns meses a portavoz municipal do BNG en Poio, Marga Caldas, remitiu un escrito á Valedora do Pobo no que denunciaba a deterioración da atención sanitaria no municipio derivada fundamentalmente da falta de persoal e os recortes sufridos.
Neste escrito Caldas reflectía as queixas recibidas por parte dos veciños, que cualificaban de odisea a atención médica coas listas de espera e saturación nas consultas.
Con todo, para sorpresa da organización nacionalista, a Valedora deu por boas as explicacións do Servizo Galego de Saúde que afirmaban que a dotación de profesionais sanitarios era suficiente, concluíndo que a atención sanitaria non se viu mermada "en ningún momento".
Esta situación, defende o BNG, contrasta coa opinión e experiencia, bastante xeneralizada, dos veciños que nos últimos meses necesitaron recorrer á sanidade pública, polo que avanzan que seguirán demandando no Concello e no Parlamento un aumento da cobertura de profesionais para que o Sergas cubra as baixas e vacacións do seu persoal e así non se vexa resentido o servizo.