O PSOE de Cerdedo-Cotobade pide un acceso alternativo ao área recreativa de Calvelo
Por Redacción
O acceso ao área recreativa de Calvelo, en Cerdedo-Cotobade, é un punto conflitivo pola estreiteza da vía e o seu trazado sinuoso, o que fai que se produzan situacións complicadas especialmente no verán.
Así o entende o Partido Socialista, que propón ao Concello que se acometa un estudo de viabilidade sobre unha alternativa de acceso á zona, onde se sitúan entre outros atractivos a praia fluvial e a ponte colgante.
Na actualidade para chegar ao área recreativa hai que pasar por unha estrada estreita á beira de varias vivendas, que non permite a circulación de dous vehículos á vez en sentido contrario en varios puntos.
Este novo acceso, entende o PSOE, dotaría de seguridade a esta parte de Calvelo e aos seus veciños.
Ademais, como complemento a formación que representa Lina Garrido pide que o proxecto se faga pensando "no desenvolvemento de diferentes actividades turísticas e de lecer", como serían un espazo de pícnic, zona de autocaravanas e cámping ou tirolesas.