Novas queixas veciñais levan ao Concello a reclamar á Xunta a demolición dun negocio ilegal de despezamento en Marcón
Por Anxo Lourido
O goberno de Pontevedra fai un chamamento á APLU (Axencia de Protección da Legalidade Urbanística) da Xunta de Galicia para que interveña nas instalacións de despezamento de coches que se atopan no lugar de Vilafranca, na parroquia de Marcón.
Segundo manifestaba este luns a portavoz do goberno local Anabel Gulías, o concelleiro do Rural, Alberto Oubiña, mantivo encontros coa veciñanza que reclama a eliminación deste espazo de vehículos sen uso.
Esta instalación construíuse no ano 2004 sen licenza municipal. A obra parouse e trasladouse o caso á Xunta de Galicia. Dous anos máis tarde, a administración autonómica declaraba ilegais as obras realizadas neste recinto e obrigaba a restituír os terreos ao seu estado orixinal. Os promotores presentaron recursos de reposición que foron desestimados polos tribunais de xustiza en 2008 e 2011.
Malia esta ilegalidade manifesta, os vehículos continúan depositados neste espazo e ademais, segundo a veciñanza, se realizan diferentes actividades na contorna. En decembro de 2020, a Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra xa reclamaba a intervención da APLU para executar as sentenzas e eliminar este espazo. Con todo, ata o momento só se moveron algúns dos vehículos e outros elementos pero as instalacións permanecen no mesmo estado, segundo indicou Anabel Gulías.
A portavoz sinalou que esta situación causa malestar entre os residentes ao acumularse residuos neste emprazamento co consecuente dano ambiental.
Este depósito de coches en desuso situado en Marcón foi un dos espazos rexistrados durante a operación contra o narcotráfico que desenvolveron axentes da Garda Civil e da Policía Nacional en outubro de 2020 contra o grupo dos Ferrados.
Relacionadas:
-
Compromiso para avanzar na eliminación do recinto de ferralla ilegal de Marcón
Por Redacción |
-
Un recurso da propiedade está a dilatar a demolición do despezamento ilegal ubicado en Marcón
Por Oskar Viéitez |
-
Preocupación en Marcón polo atraso na execución da sentenza que obriga a pechar Desguaces Outón
Por Redacción |
-
Denuncian á APLU por non executar a sentenza que obriga a demoler o despezamento de Marcón
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello insta á Xunta a que axilice a demolición dun despezamento ilegal en Marcón
Por Redacción |
-
Os Ferrados, o grupo criminal que xestiona desde Poio un armazón que trae haxix de Marrocos e branquea diñeiro en despezamentos
Por Natalia Puga |
-
Dez detidos nun operativo antidroga en puntos de toda Galicia, entre eles, Poio
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada