Carmela Silva reivindica o protagonismo das entidades locais nos fondos europeos
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, reivindicou este luns o papel que deben xogar as entidades locais na xestión do fondos europeos ao igual que fixo o pasado venres na Comisión de Deputacións, Cabidos e Consellos Insulares da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) que se celebrou en Almería.
Nunha rolda de prensa celebrada este luns, a presidenta provincial recoñeceu que a estrutura territorial e competencial é moi especial e que non é doado organizar como se xestionan os fondos.
Carmela Silva mostrou a súa preocupación no caso de Galicia e afirmou que o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo "pide colaboración e cogobernanza ao Goberno do Estado no reparto dos fondos e ainda non ten convocado nin ás deputacións nin á Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias)".
Este mesmo luns remata o proceso para elaborar a estratexia territorial da sostibilidade turística e Carmela Silva indicou que o proceso non foi participativo. A presidenta da Deputación de Pontevedra afirmou que a Xunta non consultou coas deputacións e os principais destinos turísticos as prioridades anuais, "e nin sequera intentou consensuar o deseño da convocatoria dos plans de sostibilidade que van á estratexia territorial".
"Eu vexo con moita preocupación que a Xunta non colabore, coordine nin cogoberne", afirmou Carmela Silva esixindo un reparto "equilibrado e transparente" dos recursos e un cambio no "modus operandi" do Goberno galego ao que reclamou que "ten que falar menos de recuperar poder, ademáis o teñen imposible, e teñen que falar máis da xente e do futuro de Galicia".
"Eses congresos para maior gloria dos cargos políticos que non teñen en conta para que estamos en política, que é para mellorar e facer que avancen os territorios que gobernamos, dan bastante tristura", rematou a presidenta pontevedresa.
Relacionadas:
-
Carmela Silva reclama transparencia na repartición dos fondos europeos por parte dos gobernos autonómicos
Por Redacción |
-
O PP reclama á Deputación medios técnicos e financiación para que os concellos elaboren plans de emerxencias
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación critica a "inaceptable" ausencia de mulleres no Consello de Administración da sociedade creada para captar fondos europeos
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación capta 2,1 millóns de euros de financiación europea para proxectos en Poio, Portas, Vilanova e Vilagarcía
Por Oskar Viéitez |