Buscan os responsables do "turismo de residuos"
Por Redacción
Colchóns, electrodomésticos e outros obxectos amontóanse xunto a contedores de lixo no municipio de Vilaboa e o Concello decidiu iniciar unha investigación para localizar ás empresas ou ás persoas particulares que realizaron estas verteduras "recorrentes".
Para tentar dar cos autores destes "atentados ambientais", o alcalde César Poza pide a colaboración veciñal. Indica que estes desperdicios danan a imaxe do municipio, ao mesmo tempo que provocan un incremento nos custos de xestión dos residuos.
Desta forma, o alcalde afirma que aplicará con contundencia a normativa vixente contra quen realice este tipo de accións, que denomina "turismo de residuos". Desde o Concello lembran que hai dous teléfonos gratuítos para coordinar a recollida de materiais voluminosos.
Aquelas persoas que demanden a retirada dun colchón ou doutro tipo de moble só teñen que chamar aos teléfonos 900.720.190 ou ao 676.676.472 para informar o técnico de Urbaser, a empresa concesionaria da retirada de residuos, do lugar no que está previsto deixar o material. A recollida realízase os mércores pero sempre é preciso que se faga unha comunicación previa. Para a retirada destes materiais é necesaria a intervención doutro tipo de camión.
César Poza sospeita de empresas de fóra de Vilaboa que aproveitan o seu paso por este municipio para desfacerse destes voluminosos. Por este motivo, pide axuda á veciñanza co obxecto de identificar os autores para que reciban a correspondente sanción. "Vilaboa non vai ser a entulleira da comarca", apunta o rexedor.