Cinco últimos días para inscribirse no certame de fotografía #FotoÁgora

Por Redacción
A Deputación de Pontevedra informa de que o vindeiro venres 24 de setembro finaliza o prazo para inscribirse no certame de fotografía #FotoÁgora sobre o espazo público. As persoas que queiran participar simplemente terán que rexistrarse en https://www.depo.gal/foto-agora (a través da sede electrónica) e despois abrirase unha nova fase na que disporán dun prazo dun mes para a entrega de orixinais.
Este galardón, de vocación internacional, pretende reunir "imaxes de calidade", manifestan desde o organismo provincial, que dean a coñecer os dez principios da Rede Ágora e a necesidade de fomentar a calidade dos espazos públicos grazas ás transformacións realizadas nas vilas e cidades da provincia de Pontevedra nos últimos tempos.
Repartiranse 40.000 euros en premios: o primeiro terá unha contía de 6.000 euros, haberá un segundo de 4.000 euros, unha recompensa de 2.000 euros para as mellores fotografías de cada unha das categorías referidas aos dez principios Ágora, así como outros 20 accésits de 500 euros.
Cada persoa poderá entregar un máximo de cinco fotografías.
As categorías nas que se pode participar correspóndense con cada un dos dez principios que promulga a Rede Ágora, premiándose as fotografías sobre actuacións realizadas, exclusivamente, no espazo público da provincia de Pontevedra que mellor reflictan cada un deles: O espazo público é un dereito; As persoas primeiro; Mobilidade inclusiva; Autonomía infantil; Mobilidades alternativas; Espazos seguros; Hábitat saudable; Espazos amables e de calidade; Actividade económica de proximidade; e Mobilidade sustentable.
Valorarase a capacidade da fotografía para mostrar a importancia dos principios que rexen a rede Ágora e tamén a calidade técnica da imaxe por parte de un xurado de persoas expertas.
Relacionadas:
-
O certame de fotografía #FotoÁgora xa ten gañadores
Por Redacción |
-
A Facultade Ágora reflexiona sobre o ‘Hábitat saudable e biodiverso’
Por Redacción |
-
6.000 euros de premio á fotografía urbana que mellor amose os cambios nos espazos públicos da provincia
Por Redacción |
-
A Deputación convoca un certame de fotografía sobre o espazo público
Por Redacción |