Pontevedra súmase á XIV Limpeza Simultánea de Ríos organizada en municipios de toda Galicia
Por Redacción
'Móllate polos Ríos'. Baixo ese lema Pontevedra sumarase o vindeiro domingo 26 de setembro á XIV Limpeza Simultánea de Ríos organizada en preto de medio cento de municipios de toda Galicia.
Trátase dunha xornada convocada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) pero que na cidade estará coordinada por Vaipolorío, a Fundación Xoán XXIII e a Asociación Quilombo.
"Ás persoas que queiran participar nesta actividade de voluntariado ambiental recoméndaselles levar luvas de fregar na casa, paus cun pico na punta para coller lixo, botas de auga, bolsas grandes e sacas ou capachos para o transporte dos ciscallos", explica o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes.
"A xornada desenvolverase coas medidas de seguridade elementais para non danarse ao retirar o lixo, como non arriscar a integridade física por coller lixo en zonas perigosas ou pouco accesibles; levantar os pesos dobrando os xeonllos; pedir axuda a outros compañeiros para recoller cousas pesadas; retirar con precaución cristais, vidro e outros materiais cortantes; non traballar de costas ao río sobre todo se estamos arrincando algo que está enterrado ou ter coidado coas zonas profundas e de corrente forte. Por suposto, tamén se terán en conta as medidas de prevención contra a covid-19", completa o edil.
Os datos dos ríos nos que se actuará, o número de voluntarios participantes e a estimación dos quilos de lixo retirado serán remitidos a Adega para a súa valoración conxunta ao termo da xornada da Limpeza Simultánea.
Relacionadas:
-
Unha ducia de voluntarios limpa a presa do Muíño de Cabanas
Por Redacción |
-
Retiran 80 quilos de lixo do tramo urbano do Gafos nunha nova xornada de limpeza simultánea de ríos
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Retiran 220 quilos de lixo do río Gafos nunha nova xornada de limpeza de Vaipolorío
Por Redacción |
-
VÍDEO.- A incrible transformación dun muro xunto ao Gafos cun graffiti colaborativo
Por Redacción |