Xuño, mes negro dun verán con máis desprazamentos e probas de alcohol e drogas nas estradas de Pontevedra
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Os meses centrais do verán 2021, xullo e agosto, deixaron un total de tres vítimas mortais nas estradas de Pontevedra, unha cifra similar ao verán pre pandemia, pero moi inferior aos 9 mortos de 2020. O dato, visto de forma illada, podería considerarse como positivo, pero se se abre o foco, o optimismo desvanécese. No que vai de ano, o número de falecidos en accidentes de tráfico elévase a 18, dous máis que o ano pasado e a mesma cifra de 2019.
Xusto o mes anterior, xuño, foi especialmente negro, con nove falecidos, a metade de todo o ano nun só mes. Houbo nove falecidos a pesar de que só houbo seis accidentes mortais porque nun rexistrado na N-640 en Caldas houbo tres vítimas, tres novos de entre 18 de 24 anos.
Durante o mes de xuño tamén se detectou un comportamento nas estradas que se extrapola ao resto do ano, o elevado número de accidentes en motocicletas. En xuño faleceron en sinistros de Tráfico dous motoristas, en todo o que vai de ano 2021, seis. Isto é, un de cada tres mortos nas vías pontevedresas entre xaneiro e agosto circulaba en motocicletas.
Os cifras facilitáronas este martes en rolda de prensa a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; a responsable provincial de Tráfico, Paula Yubero; e o xefe do subsector de Tráfico da Garda Civil, Antonio Pérez Piteira.
Entre outros datos, puxeron sobre a mesa a actividade realizada polos axentes de Tráfico para controlar a condución baixo os efectos do alcol e as drogas. Este verán realizáronse máis probas nas vías pontevedresas, en concreto, un 16% máis de alcol e un 500% máis de drogas.
As porcentaxes de positivos, con todo, foron inferiores, baixando ao 2% no caso dos test de alcoholemia e ao 39% no do drogo test. Falando de cifras concretas, entre xullo e agosto realizáronse 41.192 probas de alcol fronte ás 35.465 do ano 2020 e detectáronse 853 positivos fronte aos 718 dun ano antes. No caso das probas de drogas, realizáronse 1.122 con 500 positivos cando en 2020 foran 214 probas con 102 positivos.
No que vai de ano, de xaneiro a agosto, fixéronse un 36% máis probas de alcol e un 85% de drogas e os positivos aumentaron un 30% e un 134%, respectivamente.
O capitán Antonio Pérez Piteira indicou que, en xeral, os axentes de Pontevedra "están más sensibilizados en hacer pruebas de drogas", de modo que "aquí se hacen más". Así mesmo, este ano fixéronse máis cantidade tanto de alcol como de drogas a pesar de que estas últimas supoñen un dobre esforzo polo tempo que se tarda en realizalas e pola actitude dos condutores, que adoitan ser máis reticentes. De todos os xeitos, tamén aclarou que hai unha porcentaxe similar de persoas que se negan a realizar os test e que, en xeral, non é moi elevado.
O responsable da Garda Civil de Tráfico explicou que este ano, debido á pandemia e as restricións asociadas ao lecer nocturno, están a atoparse con que a poboación dispérsase. Na época pre covid-19, intensificaban os controis ás saídas das discotecas e locais de lecer nocturno, pero agora detectouse que se realizan máis festas en casa, de modo que "ahora el problema lo tenemos en toda la provincia" cando a xente termina estas festas e vaise á súa casa.
En canto á mobilidade deste ano 2021, a subdelegada do Goberno indicou que se rexistraron menos desprazamentos este verán nas contornas das dúas principais cidades da provincia, Vigo e Pontevedra. No caso concreto da cidade do Lérez, en xullo baixou a mobilidade un 0,7% con respecto a 2019 e en agosto aumentou un 0,5%.
Respecto diso, Paula Yubero e o capitán Antonio Pérez Piteira engadiron que no resto da provincia, con todo, aumentaron os desprazamentos de curto percorrido, a poboacións próximas e segundas residencias. "No solo en Pontevedra, en general en Galicia, y quizás en el resto de España, hubo muchos desplazamientos cortos", sostivo Yubero, que atribúe este comportamento a que a poboación optou polo turismo de proximidade e nacional debido á situación de pandemia.
Relacionadas:
-
As "inasumibles" 25 vítimas mortais de tráfico en Pontevedra en 2021
Por Natalia Puga |
-
Un veciño de Poio dáse á fuga dun control rutineiro de alcol e drogas: "No me hagas las pruebas, si me las hacéis me jodéis la vida"
Por Redacción |
-
Falece unha persoa e dúas resultan feridas tras un accidente de tráfico en Caldas
Por Redacción |
-
Intervidos 4.248 quilogramos de cocaína nun pesqueiro venezolano que tiña como destino Galicia
Por Redacción |
-
Inmobilizan un turismo cun remolque lixeiro transportando unha embarcación de considerable tamaño
Por Oskar Viéitez |
-
A campaña de verán remata con oito falecidos nas estradas da provincia
Por Manu Otero |