Un erro interno da Fiscalía provoca a suspensión dun xuízo por uns feitos que se produciron hai 15 anos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Un "erro interno da Fiscalía" provocou a suspensión dun xuízo previsto para este martes na sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra contra vinte persoas acusadas de estafar a compañías aseguradoras finxindo accidentes de tráfico e falsas reparacións por mor das inundacións de Vilagarcía do ano 2006.
O xuízo tiña que iniciarse ás 10.15 horas pero o representante do Ministerio Público acudiu á sala de vistas unha hora e media máis tarde.
Segundo explicou o fiscal ante o tribunal "lamentablemente, por un error en el funcionamiento de la Fiscalía" non se lle notificou ata a mañá que hoxe había esta sinalización. "No pude preparar el juicio", esgrimiu o Fiscal ante os maxistrados da sección segunda como causa para xustificar a suspensión da vista oral.
Todos os avogados da defensa opuxéronse á suspensión. "No es aceptable la disculpa", afirmaba un dos letrados. Entre outros razoamentos estes avogados apuntaron que o fiscal "conoce el asunto desde hace años" e que este descoido da Fiscalía "no puede seguir perjudicando a nuestros defendidos". Ademais engadiron "razones de lógica" e mesmo de economía procesual.
Igualmente, os avogados das compañías aseguradoras afectadas apuntaron de maneira unánime que o motivo alegado polo fiscal "no es causa de suspensión" rexeitando a súa petición.
Despois duns minutos de reflexión, o tribunal acordou a suspensión e volveu a sinalar este xuízo para o próximo día 21 de outubro.
O fiscal pide penas para os procesados que oscilan entre o ano e os cinco de prisión. Acúsase a vinte sospeitosos de estafar a compañías aseguradoras finxindo accidentes de tráfico e falsas reparacións. A causa procede do xulgado de instrución número 1 de Pontevedra.
O Ministerio público solicita ademais da prisión, multas a razón de 10 euros ao día durante un período de entre seis e doce meses (segundo o acusado). Ademais, exponse indemnizacións ás aseguradoras con cantidades que oscilan entre 1.400 e case 35.000 euros.
Relacionadas:
-
Penas de entre tres e 17 meses de prisión para 13 acusados que confesaron unha trama de estafas a aseguradoras
Por Natalia Puga |
-
O macroxuízo por estafas a aseguradoras desínflase: 13 acusados confesan e evitan o banco
Por Natalia Puga |
-
Vinte persoas chegan a xuízo 15 anos despois dos feitos a xulgar e catro máis tarde da primeira citación
Por Natalia Puga |