O BNG propón recuperar os roteiros de sendeirismo e BTT e convertelos nun "catalizador económico"
Por Oskar Viéitez
O portavoz municipal do BNG de Cerdedo-Cotobade, Ernesto Filgueira, ven de rexistrar unha moción dirixida a "facer do turismo verde un catalizador de riqueza aproveitando as propias fortalezas naturais, etnográficas e arqueolóxicas do concello".
Segundo explica Filgueira, o obxectivo da proposta é instar o goberno local a poñer en marcha un "Plan municipal de acondicionamento, sinalización, homologación e promoción dos roteiros de sendeirismo e BTT".
Un plan participado polos técnicos municipais no que, segundo Filgueira, "debe ser necesariamente acordado coas comunidades de montes e as asociacións de veciños das parroquias involucradas".
O BNG considera que a localización do municipio debe ser aproveitada co fin de atraer visitantes e deportistas que xeren oportunidades de riqueza aos negocios locais, toda vez, que o goberno municipal do alcalde Jorge Cubela "abandone a teima de levar adiante actuacións deslabazadas e aposte por un proxecto coordinado que poña en valor a diversidade natural propia dos territorios de Cerdedo e de Cotobade".
O BNG recolle na moción a necesidade de habilitar unha partida económica específica nos próximos orzamentos municipais que permita ás comunidades de montes e veciñais desenvolver os traballos necesarios de limpeza, acondicionamento, homologación e mantemento anual nos roteiros de sendeirismo e BTT.
"Agardo que o plan de valorización natural que estamos a propoñer desde o BNG sexa aprobado en pleno e que sexa abordado na comisión municipal correspondente, pois, ofrézolle a máxima colaboración ao alcalde para sacar este ambicioso proxecto adiante", dixo o voceiro nacionalista.