O PP reclama á Deputación medios técnicos e financiación para que os concellos elaboren plans de emerxencias
Por Oskar Viéitez
O grupo provincial do Partido Popular reclama á Deputación de Pontevedra que habilite mecanismos de axuda aos concellos que o precisen para elaborar e executar os seus plans de emerxencias municipais, a través de medios técnicos e financeiros.
Será a través dunha moción que defenderán no pleno ordinario de setembro, que se celebra este venres.
Os populares recordan que a Lei de Emerxencias de Galicia do ano 2007 di que os concellos son os encargados de elaborar e aprobar o plan de emerxencia municipal e establece que é competencia das deputacións provinciais facilitar a asistencia técnica e financeira.
Aínda que non é un plan obrigatorio para todos os concellos, consideran os populares que que "é moi recomendable", posto que son un conxunto de normas, medios dispoñibles, persoas e procedementos de actuación que deben de ser a guía para unha resposta rápida e eficaz do concello ás situacións de emerxencia que se poidan producir.
FONDOS NEXT GENERATION MOBILIDADE
Outra das mocións que os populares defenderán no pleno deste venres, é para reclamar ao Goberno central que inclúa aos concellos de menos de 50.000 habitantes nos criterios de reparto dos Fondos Next Generation para actuacións municipais en materia de mobilidade, "unha inxección económica imprescindible para que os concellos poidan avanzar na transformación e modernización das súas infraestruturas".