Vilagarcía xa ten data para 'acender' o Nadal: o 27 de novembro
Por Redacción
Vilagarcía xa ten data para a chegada do Nadal. Será o mesmo día que en 2020. As rúas dos centros urbanos de Vilagarcía, Carril e Vilaxoán, os barrios da periferia, as avenidas de acceso, os centros culturais das parroquias, así como as principais prazas e xardíns inaugurarán a súa iluminación o 27 de novembro.
A decoración lumínica estará prendida entre ás seis da tarde e a unha da madrugada ata o 7 de xaneiro.
O Concello acaba de sacar a licitación o contrato para este servizo por importe de 95.000 euros (sumados impostos). O contrato tamén inclúe a iluminación decorativa para as festas de Santa Rita e San Roque de 2022, así como a montaxe de instalacións eléctricas e cadros para as casetas de feira e verbenas destas últimas celebracións.
As empresas interesadas en presentar as súas propostas dispoñen de prazo para facelo ata ás 15 horas do día 6 de outubro.
A ambientación de Nadal en rúas e espazos públicos realizarase con arcos lumínicos, rótulos, adornos en farois e árbores de parques e xardíns, decoración de rotondas e de fachadas de edificios emblemáticos como a Casa Consistorial.
Ademais, instalaranse os tradicionais conos tridimensionais no centro de Vilagarcía, en Vilaxoán e en Carril. O da Praza de Galicia volverá a chegar aos 20 metros de alto por 7 de diámetro.
En Carril e Vilaxoán tamén se decorarán ás árbores e se ampliará o número de rúas a decorar con arcos.
Segundo consta no contrato, haberá photocall con motivos de Nadal para que as persoas que o desexen poidan sacarse fotos coas que felicitar as festas dende Vilagarcía e se repetirá a proxección de frases desexando bo Nadal en lugares destacados mediante a utilización de globos.
Ademais, haberá xardíns efémeros en diferentes zonas peonís con escenas típicas invernais e de Nadal.