Conclúen os primeiros traballos de escavación no castro da Chan
Por Redacción
O castro do monte da Chan, en Barro, xa loce a súa nova imaxe tras o fin da primeira fase de traballos realizados na zona.
En concreto levouse a cabo a escavación e consolidación dunha vivenda do castro e a colocación de paneis didácticos e interpretativos sobre este xacemento.
Para iso contouse cunha subvención de 5.433,13 euros da Deputación de Pontevedra.
A actuación arqueolóxica é o primeiro paso anunciado prol o goberno local de Barro para poñer en valor toda a riqueza arqueolóxica do xacemento, que se estima que ten unha dimensión de entre 5 e 6 hectáreas e que esta datado no século I a. C.
Con motivo do fin dos traballos visitou o lugar o alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, acompañado polo presidente da comunidade de montes de Agudelo, Fernando Chao, e outros membros do goberno municipal, da comunidade educativa e da asociacición Colectivo Espazo 16.
Para o rexedor o valor da área arqueolóxica da Chan "é fundamental para dar a coñecer, tanto para a xente de Barro como para a de fóra, este tesouro patrimonial que temos a sorte de albergar no noso concello", polo que "xa estamos buscando financiamento" para novas actuacións, asegurou.