Rías Baixas chega ao ecuador da vendima con 28 millóns de quilos de uva recollidos
Por Redacción
A denominación de orixe Rías Baixas recolleu xa 28 millóns de quilos de uva na súa vendima, xusto cando se alcanza o ecuador da campaña.
Aínda que as últimas tormentas provocaron que "tivésemos que esperar un pouco", segundo o director técnico do Consello Regulador, Agustín Lago, as 179 adegas elaboradoras "atópanse de cheo nos labores de recollida da uva".
As subzonas máis madrugadoras foron as do Condado do Tea e O Rosal, aínda que co paso dos días o proceso de colleita xeneralizouse por toda a denominación.
A vendima comezou coas variedades brancas de uva, das que se recolleron xa 27.995.000 quilos, fronte aos apenas 5.000 quilos que se retiraron das tintas.
Ante o "óptimo estado de maduración" da uva e a estabilidade atmosférica que se rexistra, apuntou Lago, Rías Baixas asinará unha "moi boa colleita" que estará preto das cifras estimadas polos organismos de control e certificación, sobre 43,7 millóns de quilos de uva.
Na vendima deste ano participan 5.046 viticultores, segundo os datos do Consello Regulador, que recollerán a uva nas 4.187 hectáreas de superficie produtiva da denominación.
Debido á pandemia, Rías Baixas puxo en marcha un protocolo específico para os 24 auditores e para o persoal técnico implicado nesta campaña de vendima.
Ademais de normas xerais como o uso obrigatorio de máscara, hixiene de mans e distancia mínima de seguridade interpersoal, tamén se estableceron normas específicas para as auditorías a realizar nas adegas rexistradas e en viñedo.
Relacionadas:
-
Rías Baixas incrementou as súas exportacións en máis dun millón de litros durante a última campaña
Por Redacción |
-
A Estación de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia forma a viticultores e adegueiros
Por Redacción |
-
Esta fin de semana empeza a vendima 2021, que prevé unha colleita de uva superior ao pasado ano
Por Oskar Viéitez |
-
Rías Baixas estima que se poderían recoller máis de 43 millóns de quilos de uva durante a próxima vendima
Por Oskar Viéitez |
-
O Consello Regulador cualifica como "moi boa" a anada 2020 de Rías Baixas
Por Redacción |