Tráfico inicia unha campaña especial de vixilancia en estradas secundarias
Por Oskar Viéitez
A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) inicia este luns e ata o 27 de outubro unha campaña especial de vixilancia nas estradas secundarias, onde se produciron o 60 por cento das vítimas mortais en accidente de tráfico o ano pasado.
Durante estes días a Garda Civil de Tráfico incrementará controis de velocidade, alcoholemia, documentación ou uso do móbil en estradas convencionais.
As estradas convencionais, son aquelas vías que non dispoñen dunha separación física entre os dous sentidos da circulación, representan o 90 por cento do total de quilómetros da rede de estradas.
Segundo os responsables da DXT nas estradas convencionais adóitase infrinxir os límites de velocidade con máis asiduidade. Así, en anteriores campañas púxose de manifesto que a porcentaxe de vehículos lixeiros que supera a velocidade libre oscila entre o 25 por cento cando os vehículos circulan en autovías e o 45 por cento cando o fan por estradas convencionais con límite de velocidade 90 km/h.
A directora xeral de Tráfico, María Seguí, explicou os obxectivos desta campaña que forma parte do calendario anual de accións que a DXT organiza sobre seguridade vial. Trátase de conseguir "comportamentos máis seguros" dos condutores que circulen por estas vías e, polo tanto, unha redución de accidentes.