Renovación no BNG de Ponte Caldelas con Sol Seoane Ventín como voceira
Por Redacción
Os actuais concelleiros do BNG en Ponte Caldelas, Lito Muíños e Manuel Barreiro, abandonan os seus postos no salón de plenos da corporación municipal de Ponte Caldelas. Farán efectiva a súa marcha na próxima sesión plenaria e os seus cargos serán ocupados por Xabier Lourenzo e Sol Seoane Ventín, que ademais pasará a ser voceira da agrupación nacionalista.
A marcha de Muíños e Barreiro, segundo manifestaron, atópase na necesidade de renovar o equipo do BNG con militantes que ofrecen un importante coñecemento do Concello con ampla experiencia no traballo social, nas comunidades de montes e no movemento asociativos. Segundo indicaba Manuel Barreiro este novo equipo coñece Caldelas como "a palma da man" e destaca que conta con experiencia na política municipal.
Sol Seoane Ventín, presidenta da Comunidade de Montes de Raña Alunica (Baltar) e presidenta da Comunidade de Augas de Baltar, agradeceu o traballo desenvolvido polos dous concelleiros e referiuse á necesidade de ser a voz da veciñanza diante da corporación municipal e manifestou que o seu primeiro obxectivo político atópase na loita por unha atención primaria pública de máxima calidade sen os recortes que, segundo afirma, quere impoñer Feijóo.
Pola súa banda, Xabier Lourenzo, presidente da Comunidade de Montes de Taboadelo, asegurou que o BNG se atopa nun momento con moitísima forza en Galicia e "Ponte Caldelas non pode ser menos" en relación ao cambio que, segundo expresou, se necesita no país.