Máis de 13.000 galegos están rexistrados como doantes de medula ósea
Por Oskar Viéitez
A día de hoxe un total de 13.054 galegos están inscritos no Rexistro Español de Doantes de Medula Ósea ( REDMO).
Este dato foi facilitado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, durante o acto de entrega de premios aos gañadores da sexta edición do Concurso Universitario de Curtametraxes relacionado coa doazón e o transplante de medula ósea, promovido desde a Coordinación Autonómica de Transplantes da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS).
O acto de entrega tivo lugar este mércores no salón de actos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra.
"Usa o teu poder", é a curtametraxe gañadora. Este traballo do estudante do grao en Comunicación Audiovisual, David Hortas, destaca o "poder" que todas as persoas teñen de salvar vidas converténdose en doantes de medula ósea. Este estudante xa fora recoñecido co segundo premio na anterior edición deste certame.
Xunto ao curto de Hortas García, o xurado destes galardóns seleccionou tamén as pezas "O camiño dunha doazón de medula ósea", da estudante da Universidade de Santiago de Compostela Zaida López, e "Doar e salvar, todo é empezar", da alumna da Universidade da Coruña Alexia Mariño, co segundo e terceiro premio, respectivamente.
Nesta entrega de premios o conselleiro de Sanidade estivo acompañado pola decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Emma Torres, e a directora da ADOS, Marisa López.
Na súa intervención, García Comesaña agradeceu aos premiados a súa axuda "á hora de divulgar e sensibilizar" á cidadanía, lembrando que "tres de cada catro pacientes con enfermidades do sangue que precisan un transplante de medula non contan cun familiar compatible".
O conselleiro de Sanidade tamén explicou que a Xunta de Galicia conta cunha Unidade de Bioloxía Molecular dentro de ADOS, acreditada desde hai 23 anos coa certificación da Federación Europea de Inmunoxenética (EFI), que permite facer as análises precisos para identificar os doantes compatibles e posibilitar os transplantes.
O responsable da sanidade pública galega tamén asegurou que se están facendo importantes investimentos e renovando os laboratorios de ADOS, un dos cales se finalizou este mesmo verán.
Relacionadas:
-
A negativa familiar, a "batalla de todos os días" na doazón de órganos en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
2021 pechouse coa doazón de once órganos e nove tecidos na área sanitaria
Por Redacción |
-
Entrega de mochilas de material escolar da man da Fundación Amigos de Galicia
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
RADIO.- Covid-19 e plasma convalecente: "Non prexudica, nuns enfermos ten maior ou menor efecto, pero non causa maior trastorno"
Por Marisa Ciordia |