Presentan unha unidade didáctica para coñecer a historia da cidade a través da arquitectura
Por Alejandro Espiño
A forma urbana de Pontevedra. Ese é o nome da unidade didáctica que presentou o Concello de Pontevedra. É unha iniciativa orientada a que os escolares poidan coñecer a historia da cidade a través da arquitectura e do trazado urbano de Pontevedra.
Esta unidade será exposta en obradoiros de cincuenta minutos nos centros escolares da cidade que decidan solicitalos, segundo explicou o edil de Patrimonio, Xaquín Moreda.
Está centrada nun caderno de arquitectura que explica a orixe da cidade e a súa historia a través da transformación urbana e a arquitectura das tramas urbanas desenvoltas ao longo da historia.
En principio, configúrase como un documento destinado ao alumnado de entre 8 e 12 anos, que se complementa co resto de información ofrecida nos obradoiros, nos que aprenderán a distinguir as diversas morfoloxías urbanas e as tipoloxías propias de cada época.
Os obradoiros están ideados para 30 participantes por sesión e serán entre outubro e decembro segundo os colexios que se apunten.
Os centros de educación interesados poden contactar coa empresa encargada de elaborar os obradoiros a través de contacto@tallerabierto.info
As propias xestoras de Taller Abierto foron as artistas que crearon as ilustracións que aparecen no caderno de arquitectura, combinando dun xeito amable información, divulgación, arquitectura e historia.