Rueda marca as pautas para que o PP provincial tome as "decisións acertadas"
Por Redacción
O presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, mantivo este mércores a primeira reunión de coordinación do novo equipo, tras o congreso provincial celebrado o pasado sábado. Xunto á vicepresidenta e o secretario xeral, Nidia Arévalo e Luis López, Rueda convocou aos oito vicesecretarios e once coordinadores comarcais, co fin de marcar as liñas de traballo para preparar o partido de cara aos próximos anos.
"Queremos que o PP sexa un partido unido, aberto, que escoite e que estea en permanente comunicación e presencia no territorio", defendeu o líder provincial.
Incidiu en que a presencia maioritaria de alcaldes e voceiros é fundamental para poñer en valor a política local e a política de proximidade. "Temos que apoiar os Gobernos para que se manteñan e traballar para mellorar e recuperar o resto de alcaldías, e conseguir para todos os concellos da provincia a estabilidade e o crecemento que garanten os gobernos do Partido Popular".
Neste obxectivo, xunto cos vicesecretarios –que son Jorge Cubela, María Ramallo, José López, José Crespo, Marta Fernández-Tapias, Telmo Martín, Pepa Pardo e Alejandro Lorenzo-, xogarán un papel fundamental os coordinadores designados para cada comarca, que serán o enlace da dirección do partido e cada xunta local.
"Temos que estar na rúa, escoitar o que teñen que dicir, coñecer o sentir de cada concello e cada comarca. Só así tomaremos decisións acertadas", sinalou Rueda.
Durante o encontro, Rueda sinalou que "toca seguir demostrando que o Partido Popular é o partido que máis se parece a Galicia e a esta provincia. Tivemos un moi bo resultado nas eleccións autonómicas de hai un ano, e queremos plasmalo nas municipais. Houbo moitos concellos nos que o Partido Popular gañou as eleccións pero non puido gobernar, e queremos dar o empuxe necesario para que esta situación non se repita".
Relacionadas:
-
Rueda anuncia a celebración inminente de congresos en Pontevedra, Cuntis, Caldas e Campo Lameiro para renovar as estruturas locais do PP
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Nidia Arévalo, María Ramallo, José Crespo e Fernando Pérez, novos responsables de Igualdade, Mar, Medio Rural e Emprego no PP
Por Redacción |
-
Alfonso Rueda, reelixido presidente provincial do PP con mensaxe cara ENCE: "Imos ser aliados dos postos de traballo"
Por Diego Espiño |
-
Rueda presenta un “equipo renovado e municipalista” para dirixir o PP de Pontevedra os próximos anos
Por Redacción & Mónica Patxot |