Preparan 17,5 millóns de unidades de semente de ameixa para rexenerar as zonas de marisqueo de Arousa
Por Redacción
A Consellería do Mar vai favorecer a repoboación e rexeneración dos bancos de marisqueo da zona litoral da ría de Arousa coa subvención de máis de 17,5 millóns de unidades de semente de ameixa a través de achegas que superan os 384.000 euros e que benefician a oito confrarías de pescadores da comarca do Salnés.
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, informaron desta resolución de axudas nunha visita realizada este mércores á Confraría de Pescadores Virxe do Rosario de Vilaxoán.
A entidade de Vilaxoán vai recibir tres axudas, por un importe global de máis de 77.000 euros, que permitirán a sementeira de 725.000 unidades de ameixa babosa no banco de Preguntoiro, doutras 925.000 da variedade xaponesa en Rial Parques e O Castelete e a restauración con áridos na zona de marisqueo a pé correspondente coa contorna de Saíñas.
Ao abeiro da convocatoria deste ano, a Consellería do Mar vén de aprobar achegas por 267.288 euros a prol de oito proxectos de cinco confrarías do Salnés dentro da orde cofinanciada pola FEMP para apoiar o cultivo de ameixa babosa e fina e a realización doutras actuacións en hábitats costeiros para a reprodución de organismos mariños e tamén outras axudas por valor de 117.465 euros para oito entidades arousanas no marco da liña destinada a proxectos de rexeneración que permitan mellorar o rendemento dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción.
Confraría | Achega | Unidades de repoboación |
O Grove | 36.000 euros | 1.000.000 |
O Grove | 22.500 euros | 625.000 |
Vilaxoán | 55.725 euros | 725.000 |
Vilaxoán | 6.655 euros | Restauración en Saíñas |
Carril | 74.308 euros | 3.166.666 |
Carril | 18.300 euros | 818.182 |
A Illa de Arousa | 28.000 euros | 1.200.000 |
Vilanova | 25.800 euros | 1.250.000 |
Confraría | Achega | Unidades de repoboación |
O Grove | 15.000 euros | 1.125.000 |
A Illa de Arousa | 15.000 euros | 1.000.000 |
Rañeiros da Ría | 15.000 euros | 1.000.000 |
Cambados | 14.200 euros | 2.000.000 |
SCG Ría de Arousa | 13.565 euros | 847.860 |
Carril | 15.000 euros | 937.500 |
Vilaxoán | 14.800 euros | 925.000 |
Vilanova | 14.900 euros | 931.250 |