Crean premios para recoñecer os mellores traballos de investigación do alumnado do campus
Por Alejandro Espiño
Os mellores traballos de fin de grao ou traballos de fin de mestrado realizados polo alumnado do campus universitario de Pontevedra serán recoñecidos cuns novos premios que se van a impulsar ao abeiro do convenio entre a Universidade de Vigo e o Concello de Pontevedra.
A primeira edición dos galardóns, segundo informa a institución educativa, mantén aberto ata o 15 de outubro o prazo de presentación dos proxectos. Repartiranse 3.000 euros en premios.
Poderán concorrer a esta iniciativa aqueles traballos defendidos no curso 2020-2021 en calquera das titulacións do campus, sempre que se trate de proxectos que obtiveran unha cualificación igual ou superior a 9 e que non fosen premiados noutras convocatorias.
Outorgaranse oito primeiros premios e oito accésits aos mellores traballos nos catro ámbitos de coñecemento do Campus Crea: arte, comunicación e sociedade; deporte, saúde e benestar; educación, innovación social e xestión pública; e medio ambiente e natureza.
Ademais da calidade e o carácter innovador dos proxectos, o xurado valorará positivamente a aplicación práctica e a orientación cara temas vinculados coa área da cidade de Pontevedra.
"A idea é premiar e darlle visibilidade aos traballos de fin de grao e mestrado de máis calidade", salienta Carlos Souto, director do Campus Crea e do Green Campus,.
Máis aló da achega económica, os premiados terán tamén a posibilidade de publicar os seus traballos no International Multidisciplinary Journal CREA, a revista científica impulsada ao abeiro do proxecto de especialización do campus.