"Satisfacción inmensa" na Deputación cos datos turísticos rexistrados en xullo e agosto
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, expresou a súa "satisfacción inmensa" cos datos turísticos ofrecidos polo Instituto Nacional de Estatística que sinalan que esta provincia rexistrou un 54% máis de persoas viaxeiras en xullo e agosto respecto ao ano pasado e un 55% máis de pernoitas.
A presidenta provincial destacou que o barómetro da Deputación de Pontevedra "calcou os datos" e reiterou a súa satisfacción porque "as cifras de ocupación de agosto son de récord". O vindeiro xoves a administración provincial publicará todos os datos turísticos correspondente aos últimos meses.
O luns no Palacete das Mendoza a Deputación celebrará o Día Mundial do Turismo cun showcooking feito co receitario das irmás Mendoza que será elaborado por recoñecidos cociñeiros da provincia como Marcos Cerqueiro e Iago Pazos que elaborarán o "Cup Condesa".
Natalia Guzmán fará unha sopa de hortalizas, Iñaki Bretal preparará unha pescada en salsa, a receita do lombo con pementos correrá a cargo de Mama Lela e a sobremesa irá por conta de Pepe Solla cun biscoito de chocolate.
PLAN CONCELLOS
Carmela Silva compareceu este venres en rolda de prensa ademais para dar conta dos asuntos que acaba de aprobar a Xunta de Goberno entre os que destaca unha nova achega de 533.000 euros para proxectos incluídos no Plan Concellos.
Os beneficiarios son os concellos de Cangas, con 227.000 euros en axudas aos sectores afectados pola pandemia; Ponteareas, con 84.000 euros que destinará a mellorar a eficiencia enerxética en seis edificios municipais e Tomiño cunha achega de 222.000 euros para pavimentación de varios viais.
Carmela Silva tamén anunciou a concesión de 108.000 euros en axudas a 28 entidades para proxectos de igualdade e contra as violencias machistas. Sumadas ás axudas a concellos (que recibiron os 51 municipios de menos de 20.000 habitantes) e as axudas nominativas supoñen un total de 370.000 euros dedicados pola Deputación de Pontevedra a esta finalidade no ano 2021.
PLAN DE DEPORTE
A Xunta de Goberno deste venres tamén aprobou as terceiras bolsas DepoDAN e DepoPromesa (199.000 euros), "que permitirán a 181 deportistas da provincia prepararse para competir", afirmou a presidenta provincial.
A Deputación de Pontevedra publicará unha nova convocatoria para completar o orzamento de 250.000 euros dentro do programa denominado AviventaDeporte.
Carmela Silva anunciou que o vindeiro xoves día 30 de setembro celebrarase nos xardíns do Castelo de Soutomaior a Gala do Deporte que estará dedicada ao Fran Teixeira, o adestrador de balonmán recentemente falecido. O evento estará conducido por Lorena Pérez, xogadora de balonmán do Mecalia Guardés e polo xornalista Terio Carrera e contará coa actuación da pianista, cantante e compositora, Carlota Crey.
VEHÍCULOS ABANDONADOS
Finalmente, Carmela Silva indicou que, no que vai de ano, a Deputación de Pontevedra recolleu 53 vehículos abandonados.
Desde 2016 a administración provincial ofrece aos concellos (45 adheridos) de maneira gratuíta o servizo de retirada de vehículos abandonados no espazo público para loitar contra esta contaminación ambiental e visual. Ata o 95% dos elementos destes vehículos poden ser aproveitados e reciclados.
Relacionadas:
-
A provincia consolida o seu liderado turístico en Galicia cunha ocupación media do 66 % durante o verán
Por Redacción |
-
Día Mundial do Turismo con showcooking conmemorativo lembrando as receitas das irmás Mendoza
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Sanxenxo sumou en agosto o 35% das pernoitas da provincia e o 15% de Galicia
Por Redacción |
-
En funcionamento a plataforma de formación en liña para acceder a contidos de SmartPeme
Por Redacción |
-
A Deputación inicia unha nova edición do programa Deporte-Escolas con nove modalidades deportivas
Por Redacción |