As Xornadas Marisqueiras do Grove, a cubrir o oco da Festa do Marisco
Por Redacción
A falta da Festa do Marisco, suspendida por segundo ano consecutivo pola pandemia, os hostaleiros do Grove volveron a organizarse para impulsar unha nova edición das súas Xornadas Marisqueiras, coas que ocupar o oco que deixou a emblemática festa.
Será entre os días 1 e 17 de outubro. Iso si, non haberá carpas nin grandes aglomeracións. A degustación do marisco deixarase en mans dos restaurantes e os hoteis do municipio.
A Asociación de Empresarios Grovenses de Bens e Servizos Emgrobes), responsable destas xornadas, promoverá ademais numerosas actividades como visitas á lonxa, paseos en barco, exposicións, percorridos polo museo e o acuario, xornadas gastronómicas ou concertos.
Os organizadores destas xornadas mantiveron este venres unha reunión de traballo co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, que confirmou o apoio do goberno galego á celebración deste evento.
"A cita do Grove co marisco no mes de outubro é unha tradición e unha data sinalada e é preciso apoiala, especialmente nun momento fundamental xa que estamos inmersos na reactivación tras a parte máis dura da pandemia", sinalou o delegado.