A xuízo por ameazar unha fiscala e un policía nos xulgados da Parda: "Como me quiten a mi hijo, os mato a todos"
Por Natalia Puga
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará o vindeiro xoves 30 de setembro un home acusado dun delito de atentado por ameazar a unha fiscal e un axente da Policía Autonómica durante a súa comparecencia ante a Fiscalía de menores no edificio xudicial da Parda.
A Fiscalía pide que sexa condenado a dous anos e medio de cárcere e o pago dunha multa de catro meses, a razón dunha cota de tres euros día, isto é, 360 euros.
O home, que xa tiña antecedentes por delitos de ameazas, con dúas condenas en firme do ano 2016 en Vigo, compareceu ante a Fiscalía de Menores de Pontevedra no marco dun expediente de menores e, entre outras cuestións, ameazou á fiscal e o policía dicíndolles: "Como me quiten a mi hijo, os mato a todos".
Os feitos que se xulgarán a próxima semana ocorreron sobre as 14.15 horas do 24 de outubro de 2018 e o fiscal considera que proferiu esas ameazas "con intención de amedrentalos e menoscabar o principio de autoridade representado por estes".
Segundo consta no escrito de acusación, ao policía tamén lle dixo especificamente: "A ti te voy a buscar a la Autonómica, no tengo miedo a ir a la cárcel. Ya sabes que tengo una pistola y voy a buscarte".
O home, segundo relataron as testemuñas, "non cesou de facer espaventos e de manter unha actitude irrespetuosa" e chegou a abrirse a camisa e romper os botóns. Finalmente, foi precisa a intervención da policía para que abandonase o edificio en compañía da súa nai.