Ponte Caldelas contará cun sistema de recollida de lixo "moderno, actual e mellor"
Por Redacción
Ponte Caldelas contará a partir da semana que vén cun novo contrato de lixo. A intención do Concello é "modernizar, actualizar e mellorar o servizo de recollida" renovando os colectores de todo o municipio e colocando máis de reciclaxe no rural.
A Xunta de Goberno Local aprobou este venres este contrato, que sairá a licitación a vindeira semana a través da Plataforma de Contratación do Sector Público. Sairá a licitación por 461.075,49 euros ó ano e terá unha vixencia de 3 anos, prorrogables por outros dous como máximo.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, explicou que para garantir que se cumpre coa recollida do lixo e coas limpezas establecidas, ademais de controlar o servizo, todos os contedores disporán dun sistema de xeolocalización e establécense penalizacións que se lle poden impoñer á empresa adxudicataria en caso de incumprimentos na recollida do lixo, na limpeza dos contedores ou en calquera outro servizo prestado.
Ademais, este contrato inclúe o custo de Sogama, a xestión do Punto Limpo situado no Polígono da Reigosa, o reparto de, mínimo, 150 composteiros individuais entre a veciñanza e a instalación dun composteiro comunitario no Punto Limpo. Tamén establece a subrogación de todos os traballadores e estipula que os salarios deben rexirse segundo convenio.