A Policía Local da Illa detecta en seis días a 29 condutores usando o móbil ao volante e oito persoas sen cinto
Por Redacción
A campaña especial de vixilancia das distraccións ao volante realizada pola Policía Local da Illa de Arousa en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico (DGT) permitiu detectar en tan só seis días 46 infraccións de tráfico.
Segundo o balance facilitado pola Policía Local, a campaña realizouse entre o 16 e 22 de setembro en diferentes lugares e horas na Illa de Arousa e permitiu detectar a 29 persoas por conducir utilizando o teléfono móbil, xa fose falando ou manipulando o dispositivo.
Ademais, os policías formularon neses seis días 8 denuncias a persoas que circulaban en vehículos sen utilizar o cinto de seguridade obrigatorio e detectaron cinco turismos que circulaban sen pasar a ITV.
A lista de infraccións detectadas complétase con dous condutores que deron positivo en consumo de drogas e outros dous denunciados por condución temeraria e imprudente.
Tras esa campaña especifica, os controis da Policía Local mantéñense e entre este xoves e este venres detectaron tamén a outros condutores infractores.
En concreto, o xoves axentes que estaban a realizar labores de seguridade cidadá localizaron a un condutor que estaba ao volante dun coche a pesar de que perdera o carné de conducir. Os policías abriron dilixencias por un delito contra a seguridade viaria e o home deberá comparecer o vindeiro martes no Xulgado de Vilagarcía de Arousa para a celebración dun xuízo rápido.
Nos xulgados de Vilagarcía tamén terá un xuízo rápido outro condutor investigado por un delito contra a seguridade viaria. No seu caso, foi detectado este venres conducindo sen permiso. Ademais, o vehículo non pasara a ITV, que tiña caducada desde principios de ano, de modo que tamén deberá pagar unha sanción administrativa.