Recuperan o antigo pozo de regadío de Fonte de Dan, que pasará a ser piscina no verán
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas acaba de completar a recuperación da Fonte de Dan, do seu lavadoiro e do seu pozo de regadío, ubicados no lugar de Baltar. Como resultado, durante o verán a poboación terá unha piscina pública.
Os traballos acometéronse durante as dúas últimas semanas como resposta a unha petición da veciñanza do lugar, que daba por perdida a mina de auga dende fai uns anos.
Finalizados os traballos, a auga volveu emanar neste espazo e o pozo de regadío acondicionouse para que poida empregarse como piscina no verán.
Os traballos consistiron no empedrado do acceso á fonte e ó lavadoiro e a separación das dúas zonas, permitindo así un acceso máis cómodo e seguro para a recollida de auga, onde se incorpora tamén un paso de escaleira.
Ademais, pintáronse as balaustradas do pozo de regadío e colocarase unha nova no acceso á fonte. Instaláronse billas para poder abrir e pechar a auga tanto na fonte, como no lavadoiro e tamén na saída do pozo de regadío.
Os traballos incluíron encintar todos os elementos para evitar fugas de auga e pintouse o chan do pozo de regadío.
Nos vindeiros días colocarase un banco no entorno do pozo para que a Fonte de Dan volva a recuperar o seu lugar como punto de encontro para a veciñanza de Baltar